Ir o contido principal

O Instituto de Acuicultura avanza na explotación sostible a través do Laboratorio Transfronteirizo de excelencia en Biotecnoloxía Mariña

Na reunión, tomaron parte 26 investigadores, doce de modo presencial e catorce con seguimento virtual
Na reunión, tomaron parte 26 investigadores, doce de modo presencial e catorce con seguimento virtual
A cuarta reunión de seguimento do proxecto BlueBiolab desenvolveuse de xeito semipresencial e serviu para debater a posible ampliación do consorcio no que toman parte, entre outras institucións, as tres universidades galegas e a Universidade do Minho
Santiago de Compostela

A creación do Laboratorio Transfronterizo de excelencia en Biotecnoloxía Mariña é un dos eixos do proxecto BlueBiolab no que toma parte o Instituto de Acuicultura da USC e que acaba de celebrar a súa cuarta reunión de seguimento. A meta do Laboratorio é potenciar e fortalecer as competencias de I+D+i de excelencia na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no ámbito da biotecnoloxía aplicada ao medio mariño. Este centro interdisciplinario contribúe a dar resposta a algúns dos grandes retos aos que se enfronta a sociedade e o medio ambiente, a través do estudo dos recursos biolóxicos mariños prestando especial atención á súa explotación sostible.

O consorcio que vertebra o proxecto está formado pola USC, UVigo, UDC, Universidade do Minho, Instituto de Investigaciones Marinas– CSIC, Instituto Español de Oceanografía e Centro de Investigaçao Marinha e Ambiental – CIIMAR de Porto. De xeito específico, a USC céntrase na selección e incorporación de investigadores, na súa mobilidade e na formación especializada. Neste senso, a reunión na que tomaron parte 26 investigadores, doce de modo presencial e catorce con seguimento virtual, serviu para abordar a incorporación de sete novos investigadores ao proxecto, a organización de diversos cursos de formación nos que xa se formaron máis de 60 alumnos, así como a mobilidade de estudantes entre os distintos centros que forman parte do  BlueBiolab. “A porcentaxe de realización das actividades programadas é na actualidade superior ao 60%”, explican dende o Instituto de Acuicultura.

Tamén se discutiu na reunión o avance dos tres proxectos de investigación colaborativos que se están realizando dentro do marco do proxecto, así como o estado financeiro e o calendario  futuro. Discutiuse asemade sobre unha estratexia común das misións no marco de ampliar o consorcio para a presentación de novas propostas de financiamento e as posibilidades de continuidade do proxecto, expoñendo cada entidade a súa proposta. O proxecto está incluído no Programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 co financiado con fondos FEDER.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2021.