Unha investigación sobre San Xulián o Hospitalario, Premio sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións 2019
A Cátedra ‘O Camiño de Santiago e as Peregrinacións’ da USC acaba de outorgar o Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións 2019 ao profesor Marco Giacintucci polo seu libro Il Paternoster dei san Giuliano ospitatore. Testi e Letterature – dalle origini alle fonti narrative italiane, investigación onde se estuda o papel de San Xulián o Hospitalario na peregrinación.
Xulián o Hospitalario, case desde o inicio da difusión do seu culto, entre os séculos XI e XVII, converteuse no protector do camiñante e do peregrino durante o traxecto, tamén á hora de conseguir unha boa hospedaxe ao chegar a noite. Esta protección está asociada ao xurdimento dunha oración paralitúrxica concreta, o Paternoster Iuliani, que rezaban os viaxeiros ao iniciar a súa xornada para conseguir a súa protección e que, á súa vez, deu lugar a unha serie de relatos curtos sobre o Paternoster e o motivo do “buon albergo” ou boa hospedaxe, un xénero específico en numerosos testemuños das principais literaturas europeas da época.
Obra premiada
Na obra premiada, na que aparece un resumo exhaustivo das fontes xulianas na súa totalidade, analízanse especificamente as principais voces sobre o tema da atribución haxiográfica do santo, con especial atención ás fontes narrativas directas e trabállase con referencias ao Paternoster e á “boa hospedaxe” do santo.
Marco Giacintucci posúe a Cátedra de Letras Italianas e Latinas no IES de secundaria ‘ Gaetano Braga’ na cidade de Téramo e foi profesor contratado de Didáctica do Latín na Universidade Gabriele D’ Annunzio de Pescase. Como musicólogo ten afondado na investigación cara a interpretación filolóxica da música antiga. Giacintucci é experto en literatura haxiográfica e da haxiografía.
A Cátedra é froito dunha colaboración entre USC, Axencia de Turismo de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago.
Cuberta do libro