O investigador Jesús Flores impartirá na USC tres clases maxistrais sobre fármacos opiodes e glucocorticoides
O director do libro Farmacología Humana, o profesor Jesús Flórez, impartirá a vindeira semana tres clases maxistrais nas facultades de Medicina e Farmacia da USC dentro das actividades académicas programadas polo Departamento de Farmacoloxía e abertas a todos os membros da comunidade universitaria. A primeira celebrarase o martes 29 e estará dedicada ao tema ‘Fármacos opioides: mecanismos e accións’. Celebrarase na Aula Magna da Facultade de Medicina de 11.30 a 13.00 horas e nunha segunda quenda de 18.30 a 20.00 horas. Ao día seguinte, Jesús Flores falará sobre ‘Glucocorticoides e outros antiartríticos’ na Aula Magna da Facultade de Farmacia de 11.30 a 13.00 horas. Jesús Flórez foi catedrático de Farmacoloxía da Universidade de Cantabria e ao longo da súa carreira orientou gran parte da súa actividade investigadora e docente cara ao estudo da dor e os fármacos opiáceos e, concretamente, dos mecanismos que interveñen na súa acción analxésica, a súa acción respiratoria, a tolerancia e a dependencia. Ademais foi director do Laboratorio de Neurobioloxía do Desenvolvemento na Facultade de Medicina de Cantabria, onde estudou as características de modelos animais de síndrome de Down e as súas posibilidades terapéuticas.
Ocupou a presidencia da Sociedade Española de Farmacoloxía e publicou numerosos traballos de investigación, capítulos en libros docentes e monografías, entre os que destaca o libro Farmacología Humana, texto amplamente utilizado na docencia da Farmacoloxía. Entre os galardóns que recoñecen o seu labor docente e investigador destacan o Premio Nacional das Ciencias (CEOE), o Premio en Farmacoloxía (Fundación Esteve), o Premio Nacional Galien á Investigación Científica, os Premios da Fundación Síndrome de Down de Madrid, o da Fundación Grünenthal e a Medalla de Ouro de Cruz Roja Española.