Investigadores do Instituto de Acuicultura, recoñecidos cos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

Investigadores do Instituto de Acuicultura da USC, da Facultade de Ciencias da Coruña e do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas acaban de ser recoñecidos nos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, concretamente co premio ‘Francisco Guitián Ojea’, dirixido a aqueles traballos de investigación aplicada co obxecto de recoñecer a creación dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. O proxecto no que participa o equipo da USC leva por título ‘Utilización de proteínas de parece celular bacteriana como base para a formulación de vacinas de subunidades con aplicación en acuicultura’.
O xurado valorou a calidade da investigación e a importancia da temática de técnicas de bioloxía molecular para a produción de novas vacinas cara a prevención de enfermidades de peixes en acuicultura mariña. Conforman o equipo de sete investigadores, Manuel Luis Lemos Ramos, Miguel Balado Dacosta e Diego Rey Varela do Instituto de Acuicultura; Carlos Jiménez González e Antón Vila Sanjurjo, da Facultade de Ciencias da Coruña; Katherine Valderrama Pereira e Jaime Rodríguez do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da UdC.
O desenvolvemento de novas vacinas é unha das principais necesidades da acuicultura para previr brotes de enfermidades infecciosas que limitan seriamente a produción e expansión do cultivo de peixes. Neste traballo, desenvolveuse unha nova vacina contra a enfermidade coñecida como fotobacteriose, unha infección bacteriana de gran relevancia na acuicultura de peixes. Esta nova vacina (do tipo coñecido como vacinas de subunidades) baséase no uso dunha proteína que forma parte da envoltura celular da bacteria que causa a fotobacteriose. A proteína obtívose en grandes cantidades mediante enxeñaría xenética noutra bacteria (Escherichia coli) de uso común no laboratorio. Esta proteína purificada e inxectada nos peixes foi capaz de inducir a síntese de anticorpos e protexelos da fotobacteriose en infeccións experimentais. Os autores están a desenvolver esta mesma tecnoloxía para a prevención doutras infeccións relevantes causadas por diferentes bacterias.
Premios á transferancia
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, promove os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía. Nesta sétima edición recibíronse un total de 32 propostas para as tres categorías do certame.
O xurado estivo composto pola secretaria da RAGC, Pilar Bermejo, que actuou como presidenta do xurado; e os vogais, Alicia Estévez Toranzo, vicepresidenta da RAGC, Fernando Pérez González, responsable de publicacións e relacións sociais da RAGC, que tamén exerce como secretario do xurado; María Diéguez Gómez e Elena Polo Prieto de Gain, Norberto Penedo Rey do IGAPE, e Luis Alfonso Álvarez Sestelo da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Os tres traballos distinguidos recibirán un premio de 6.000 euros cada un e un diploma acreditativo. Os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará o vindeiro martes, 29 de xuño, ás 19 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.
Na modalidade de casos de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación, o premio Fernando Calvet Prats recaeu no proxecto BIOFAST– Biomaterial para rexeneración ósea, do grupo de investigación de Novos Materiais do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo (UVigo).
Por último, o premio ‘Ricardo Bescansa Martínez’ a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a posta en marcha da spin-off Alice Biometrics SL, xurdida da colaboración co Centro Tecnológico de Telecomunicaciones de Galicia –Gradiant–.