O IU GreenMetric subliña o compromiso da USC coa sustentabilidade

O IU GreenMetric Ranking of World Universities 2021 recoñece de novo o compromiso medioambiental da USC ao situala no posto 356 dunha listaxe integrada por preto dun milleiro de universidades procedentes de 80 países. Ademais no contexto europeo, a USC ocupa o posto 109 dun total de 263 institucións.
Esta clasificación avalía un total de seis indicadores: contorna e infraestruturas (15%), enerxía e cambio climático (21%), residuos (18%), auga (10%), transporte (18%) e educación (18%). O tratamento de residuos e as actividades de reciclaxe é o apartado no que a institución compostelá acada unha puntuación máis elevada, seguida da educación en materia de sustentabilidade, así como da atención que a institución presta ao uso da enerxía e aos problemas derivados do cambio climático.
O obxectivo desta clasificación, impulsada pola Universidade de Indonesia, é reflectir os esforzos realizados polas universidades no desenvolvemento e implantación de políticas e programas respectuosos co medio ambiente e a sustentabilidade. Os responsables da clasificación analizan o compromiso das universidades coa sustentabilidade a partir dunha serie de aspectos que inclúen a recompilación de información básica sobre o perfil de cada universidade, particularmente en relación ao seu tamaño e ámbito xeográfico de implantación. A recompilación dos datos realízase a través de enquisas en liña enviadas a administradores universitarios.