Ir o contido principal

Javier Solana recolleu o XXV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

Javier Solana recolleu o galardón no Paraninfo. FOTO: Santi Alvite
Javier Solana recolleu o galardón no Paraninfo. FOTO: Santi Alvite
O acto de entrega deste galardón que recoñece a actuación do ex ministro en favor dos principais fitos da ruta xacobea, enmarcouse na axenda de actos da XXVII Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades (GCU) da que a USC é a institución anfitrioa
Santiago de Compostela

Pola “súa actuación en favor dos principais fitos da ruta xacobea”, así xustificou o xurado do XXV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia a concesión deste galardón ao ex ministro e antigo secretario xeral da OTAN, Javier Solana de Madariaga. O Paraninfo da USC acolleu este luns a cerimonia de entrega na que, alén do premiado e do reitor Antonio López, tomaron parte o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; e o presidente do Grupo Compostela de Universidades (GCU), Marek Kręglewski.

A devandita cerimonia enmarcouse dentro da programación relativa á XXVII Asemblea Xeral do GCU que se desenvolve en Compostela ata este martes e do que a USC actúa como institución anfitrioa. De feito, o propio Solana, antes da cerimonia de entrega visitou o Colexio San Xerome, onde foi recibido polo reitor Antonio López para despois asinar no Libro de Honra da institución.

Estudos humanísticos e científico-técnicos

A XXVII Asemblea Xeral do GCU que finaliza este martes 14 de setembro desenvólvese  baixo o lema ‘Vinculando estudos humanísticos e científico-técnicos: un reto para as universidades’. “O fenómeno do Xacobeo adoita relacionarse cos valores humanísticos que dan lugar á construción de sociedades, complementados con outros valores xerados pola educación STEM”, explicou o reitor Antonio López. “Nesta Asemblea Xeral queremos abordar a conciliación da educación tanto humanística como científico-técnica dende o punto de vista institucional nunha contorna de análise académica e tamén de celebración cultural no corazón de Galicia”, sinalou no acto de apertura deste luns, tras o cal tivo lugar a reunión do Consello Xeral do GCU no Centro de Estudos Avanzados (CEA) da USC.

Diálogos Compostela

A xornada deste martes 14, a derradeira da asemblea, abriuse cos denominados ‘Diálogos Compostela en Educación Superior’. O reitor estivo acompañado na sesión de apertura polos ex reitores Darío Villanueva e Senén Barro que abordaron precisamente o vínculo entre formación humanística e científico-técnica, así como o reto que este nexo supón para a educación universitaria.

No transcurso da mañá, a profesora da USC Lorena Casal disertou sobre novos métodos de ensino; mentres que István Tarrósy, profesor de Ciencias Políticas da Universidade de Pécs (Hungría) pronunciou o relatorio ‘Novos perfiles de coñecemento, novas titulacións, novas Universidades’; e Lennart Levi, profesor emérito de Medicina Psicosocial do Instituto Karolinska (Suecia) abordou o ‘Traballo sustentable e emprego produtivo na Educación Superior’.

Preto dun centenar de participantes procedentes de doce países (Polonia, México, Xeorxia, España, Suecia, República Checa, Eslovaquia, Perú, Italia, Portugal, Alemaña e Hungría) tomaron parte ao longo de dous días neste foro. O 60% fixérono de xeito presencial e o 40%, en liña.

Solana, antes da cerimonia de entrega, visitou o Colexio San Xerome, onde foi recibido polo reitor Antonio López para despois asinar no Libro de Honra da institución. FOTO: Santi Alvite
Solana, antes da cerimonia de entrega, visitou o Colexio San Xerome, onde foi recibido polo reitor Antonio López para despois asinar no Libro de Honra da institución. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.09.2021.