Ir o contido principal

Juan José Nieto, elixido coordinador da Rede de Institutos Universitarios de Matemáticas

O profesor Juan José Nieto Roig ten coordinado ou participado en máis de vinte proxectos de ámbito europeo, nacional e autonómico e é autor ou coautor de máis de 300 artigos de investigación publicados en revistas internacionais. FOTO: Santi Alvite
O profesor Juan José Nieto Roig ten coordinado ou participado en máis de vinte proxectos de ámbito europeo, nacional e autonómico e é autor ou coautor de máis de 300 artigos de investigación publicados en revistas internacionais. FOTO: Santi Alvite
O catedrático da USC manifestou a súa dispoñibilidade para “impulsar todas aquelas actividades que sexan consideradas de interese para o ben común dos departamentos, o Instituto e a Facultade de Matemáticas”
Santiago de Compostela

O catedrático da USC Juan José Nieto acaba de ser elixido coordinador da Rede de Institutos Universitarios de Matemáticas (RedIUM). O director do Instituto Universitario de Matemáticas da USC (IMAT) pasa a ser, polo tanto, representante da RedIUM no Consello Xeral do Comité Español de Matemáticas (CEMAT). Juan José Nieto manifestou a súa dispoñibilidade para “impulsar todas aquelas actividades que sexan consideradas de interese para o ben común dos departamentos, o Instituto e a Facultade de Matemáticas”.

O profesor Juan José Nieto Roig ten coordinado ou participado en máis de vinte proxectos de ámbito europeo, nacional e autonómico e é autor ou coautor de máis de 300 artigos de investigación publicados en revistas internacionais. Lidera o grupo de investigación ‘Ecuacións diferenciais non liñales’. O seu ámbito de traballo investigador, aínda que de carácter básico, potencialmente posúe utilidade práctica aplicado ao estudo de diversos temas da Física, a Bioloxía, a Epidemioloxía, a Medicina ou na Bioinformática, co desenvolvemento de algoritmos máis eficientes para a comparación de secuencias xenéticas. Asemade, figura na máis recente listaxe que elabora anualmente o grupo Web of Science para recoñecer os investigadores que demostraron un influxo significativo a través da publicación de múltiples artigos, altamente citados, na última década.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2020.