Juan Viaño xa ten o seu retrato na Galería de Reitores do Colexio San Xerome

O ex reitor da USC Juan Viaño descubriu este xoves o seu retrato pictórico que pasa a formar parte da Galería de Reitores do Colexio San Xerome. Viaño aproveitou o acto para reiterar o seu agradecemento aos que foron membros do seu equipo de goberno e sinalar que “todos teñen unha pincelada neste cadro”, obra de Vicente Prego.
O reitor Antonio López quixo acompañar ao ex reitor Viaño nesta homenaxe para subliñar o seu recoñecemento a catro anos de goberno, entre 2014 e 2018, moi difíciles para a USC. Malia as dificultades, Viaño soubo enfrontarse a “un mar difícil de navegar”, sinalou López, e reiteroulle que pode “sentirse orgulloso do traballo feito”.
O acto comezou cunha disertación do catedrático de Historia da Arte, José Manuel García Iglesias, na que analizou a obra realizada polo pintor Vicente Prego. A continuación, Juan Viaño puido explicarlles aos asistentes a simboloxía dos elementos que integran o retrato. Viaño quixo aparecer retratado fronte a diferentes obxectos que subliñasen a súa condición de matemático, tales como as actas do XXV Congreso Internacional de Matemáticas celebrado por primeira vez en España no ano 2006, un compás áureo, así como a sucesión e a espiral de Fibonacci.
Unha caracola mariña e o Pico Sacro pechan os elementos que Viaño escolleu para o cadro e que representan trazos da súa personalidade e da súa orixe. Viaño manifestou emocionado o seu orgullo por gozar deste “acto simbólico que perpetúa a historia dun mandato de catro anos”.