Ir o contido principal

Liss Marian Estévez Suárez, do IES Monte das Moas, gaña a I Olimpíada Matemática Feminina Galega

Foto de grupo das premiadas coas persoas organizadoras
Foto de grupo das premiadas coas persoas organizadoras
Conformará o equipo que representará España na competición europea
Santiago de Compostela

A alumna de 1ºde Bacharelato do IES Monte das Moas (A Coruña) Liss Marian Estévez Suárez foi a gañadora da I Olimpíada Matemática Feminina Galega que se disputou este sábado na Facultade de Matemáticas da USC. No certame competían 50 mozas por unha praza na Fase Nacional, de onde sairá o equipo que representará a España na 15th European Girl’s Mathematical Olympiad (EGMO 2026) que se celebrará en Burdeos, Francia, entre os días 9 e 15 de abril de 2026

En segundo lugar quedou a alumna María Viana Vázquez, de 4º da ESO do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e en terceiro Irene Gallego Pernas, de 2º de BAC do CPR Maristas Cristo Rey (A Coruña).

Esta I Olimpíada Matemática Feminina Galega nace como unha competición para as alumnas de bacharelato e da segunda etapa da ESO de Galicia que ten como obxectivo fundamental estimular a participación das rapazas nas olimpíadas matemáticas e seleccionar a participante Galega na Olimpíada Feminina Española de Matemáticas. 

Trátase dunha actividade máis da Olimpíada Matemática Galega organizada na Facultade de Matemáticas da USC pola Asociación Galega de Estudantes de Matemáticas (MaEGA), dentro do seu proxecto Aurias, coa colaboración do Clube Olímpico de Mates-USC Sementeira.

Na competición pode participar calquera alumna de Bacharelato ou da segunda etapa da ESO que curse os seus estudios nun centro galego, e excepcionalmente estudantes da primeira etapa da ESO que acrediten especiais aptitudes, así como as integrantes do proxecto EsTalMat-Galicia. As probas consistiron en tres problemas que, como é habitual nas olimpíadas matemáticas deste nivel, non requiren uns coñecementos especiais de matemáticas, senón que buscan a capacidade de raciocinio e a orixinalidade e creatividade do pensamento.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2025.