Ir o contido principal

As lonxas da marca ‘pescadeRías, ¿de onde se non?’, distinguidas coa ecoetiqueta ‘pescaenverde’ da USC

Foto de familia dos representantes das lonxas recoñecidas coa garantia pescaenverde xunto co reitor Antonio López
Foto de familia dos representantes das lonxas recoñecidas coa garantia pescaenverde xunto co reitor Antonio López
Esta marca de garantía desenvolta por investigadores do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental achega información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen no medio ambiente
Santiago de Compostela

Achegar información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen no medio ambiente é a finalidade da ecoetiqueta ‘pescaenverde’, desenvolta por investigadores do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC. Dende este venres, as lonxas certificadas pola marca ‘pescadeRías, ¿de onde se non?’, selo creado pola Consellaría do Mar para a promoción e defensa dos produtos procedentes da pesca artesanal, atópanse acollidas tamén baixo o paraugas da marca de garantía nacida ao abeiro da Universidade. A Lonxa de Ribeira acolleu o acto de entrega da ecoetiqueta logo de que os cálculos efectuados pola USC evidenciaran que as especies capturadas baixo as modalidades de pesca aceptadas pola marca ‘pescadeRías ¿de onde se non?’ están dentro dos límites aceptables de pegada de carbono e taxa de retorno enerxético.

O reitor Antonio López tomou parte no acto de entrega xunto co vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa, quen presentou a avaliación realizada pola Universidade. O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas; e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, tamén participaron na sesión xunto a Fernando Carreira García, xerente da  Lonxa de Ribeira. Representantes das entidades xestoras Confraría de Pescadores Virgen del Carmen de Cabo de Cruz, Confraría de Pescadores de Cedeira, Confraría de Pescadores de Ferrol, Confraría de Pescadores de Pobra do Caramiñal, Lonxa de Ribeira S.L. e Confraría de Pescadores Virgen del Rosario de Vilaxoan recolleron os seus respectivos diplomas que acreditan que poderán incorporar a marca ‘pescaenverde’ nas súas etiquetas, transmitindo así aos consumidores o perfil ambiental dos seus produtos.

Valor engadido

A ecoetiqueta, rexistrada como marca de garantía na Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) e na Oficina Europea de Propiedade Intelectual (EUIPO), subministra información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medio ambiente, e ao mesmo tempo aporta un valor engadido aos produtos que incorporan a marca, favorecendo a súa venda nun mercado tan competitivo como o actual.

“A marca de garantía ‘pescaenverde’ ten en conta o ciclo de vida das actividades pesqueiras e recolle o cumprimento de dous índices ambientais: a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxético”, explican os catedráticos da USC que desenvolveron a ecoetiqueta en 2013, María Teresa Moreira e Gumersindo Feijoo Costa. Neste senso e entre outros aspectos, mídese a cantidade de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) producidos no proceso de captura do peixe. As principais motivacións do proceso son, entre outras, as de coñecer a carga ambiental dun produto en termos da súa contribución ao quecemento global; así como definir obxectivos e avaliar as accións encamiñadas á redución de emisións de GEI. 

Peixe das lonxas recoñecidas coa garantía
Peixe das lonxas recoñecidas coa garantía
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2021.