Ir o contido principal

Lugo aloumiña o seu ‘corazón’ universitario

Visita do reitor a alumnado do grao en Xestión Cultural, na Facultade de Humanidades
Visita do reitor a alumnado do grao en Xestión Cultural, na Facultade de Humanidades
A iniciativa ‘Aterranocampusterra’, promovida pola Área de Xuventude do Concello de Lugo xunto coa Vicerreitoría de Coordinación, amosa do 13 ao 15 de setembro a oferta de servizos para o estudantado do Campus a través de obradoiros artísticos e deportes. Accións na biblioteca, de Voluntariado, do CLM e do SNL, visitas guiadas á cidade e á Domus do Mitreo e concertos completan o programa
Lugo

Lugo dá a benvida ao alumnado universitario cun amplo programa cultural e de lecer que achega a cidade amurallada ao novo estudantado matriculado este curso na sede universitaria luguesa e favorece a súa integración nas propias dinámicas da urbe, tal e como salientaron este martes a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o concelleiro de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo, Mauricio Repetto, na presentación da iniciativa de acollida ‘Aterranocampusterra’.

‘Aterranocampusterra’ é unha mostra máis de afecto e de sensibilidade coa poboación universitaria”, salientou Mauricio Repetto para, de seguido, engadir que “os obxectivos da cidade e do Concello de Lugo están plenamente aliñados cos do Campus Terra da USC”. Avanzar de forma paseniña, pero sen pausa cara a unha cidade verde e promover o uso de enerxías limpas son ambicións compartidas entre a cidade o campus de Lugo, do mesmo xeito que o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), sinalou Repetto.

O responsable da Área de Xuventude do Concello de Lugo lembrou neste asemade a colaboración xa existente entre a USC e o Concello de Lugo, unha liña de entendemento e boa sintonía materializada xa en diversos programas Life e que cómpre fortalecer no futuro. Neste senso, Repetto aposta porque Concello de Lugo e USC segan a traballar da man en aras a incrementar as transferencias de coñecemento e I+D, así como para confeccionar un tecido económico (produtivo e industrial) que permita aos titulados universitarios asentarse e poder desenvolver a súa actividade profesional en Lugo.

O programa de actividades promovido polo Concello de Lugo  xunto coa Vicerreitoría de Coordinación da USC desenvolverase do 13 ao 15 de setembro e pretende conectar a comunidade estudantil cos demais estamentos da cidade, a través da celebración de diversas actividades lúdicas e culturais que permitan a mocidade coñecer as actividades, servizos e espazos que ofrece tanto a cidade como o Campus de Lugo ao alumnado universitario. ‘Aterranocampusterra’ antóllase pois como un plan de tres días de encontro ou convivencia, durante os que o alumnado poderá gozar e participar en clases abertas, ademais de descubrir os diferentes servizos de que dispón a USC neste campus e coñecer a cidade  e as diferentes alternativas que ofrece dende diferentes ópticas.

Agradecida pola colaboración recibida desde a Área de Xuventude do Concello de Lugo para a celebración deste programa de benvida ao estudantado universitario, a vicerreitora de Coordinación tamén puxo en valor o “pulo económico, social e cultural que o Campus de Lugo” achega á cidade amurallada, ao tempo que manifestou a súa vontade por ampliar cada vez máis a xa estreita relación existente entre as dúas entidades.

Calendario, actividades e inscricións

As actividades incluídas no programa ‘Aterranocampusterra’ comezarán o luns 13 de setembro coa celebración de diversos talleres na Biblioteca Intercentros e nos servizos de Normalización Lingüística, Deportes e Voluntariado, así como no Centro de Linguas Modernas (CLM), ao tempo que tamén haberá actividades de fotografía e dobraxe, sesións abertas de danza e teatro, e visitas guiadas a diversos enclaves da cidade con Guido Guía.

O estudantado universitario estará informado das actividades programadas a través dun código QR que está visible tanto nos carteis destas xornadas de benvida repartidos polos centros do Campus de Lugo, como no material divulgado a través das redes sociais. Este código QR permitirá a cada usuario coñecer o lugar e a data de celebración de cada actividade, ademais de formalizar a súa inscrición para a mesma.

Algunha das actividades previstas celebraranse os tres días, mentres que outras accións son únicas, tal e como poden ser as visitas á Domus do Mitreo, previstas para os días 14 e 15, a sesión ‘Bailando cos corpos’, a cargo do colectivo Glovo, programada na tarde do mércores, ou os talleres de fotografía e dobraxe, que serán o luns e martes, respectivamente.

Completan o cartel do programa varios espectáculos de música ao vivo.  O grupo Infrarroja será o protagonista do primeiro dos concertos de mantel, un formato ideado para grupos de ata catro persoas, que se celebrará o luns 13, ás 14.00 horas no aparcadoiro do Complexo Docente. Ese mesmo día, Lar Legido actuará ás 22.00 horas no vestíbulo do Auditorio da Facultade de Veterinaria, o escenario que acubillará o martes 14, á mesma hora, unha nova actuación deste batería no segundo concerto de esteira.

O grupo Nebra actuará o martes 14, ás 14.00 horas, no segundo concerto de mantel, que tamén se celebrará na explanada posterior do Complexo Docente do Campus, onde tamén estará instalado un cortador de xamón por xentileza de Torre de Núñez. O programa ‘Aterranocampusterra’ chegará ao seu colofón o mércores 15, ás 21.30 horas, cun concerto de Boyanka Kostova, na Praza de Santa María. As persoas interesadas en asistir como público aos concertos ou á representación teatral que Volta e Dálle Teatro ofrecerá o día 15, ás 19.00 horas, no centro de convivencia de Fingoi, deberán solicitar de balde o convite e a reserva de praza a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.gal (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]gal).

Visita a alumnado do grao en Xestión Cultural

O reitor da USC, Antonio López, acompañado do decano da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, Gonzalo Fernández, mantivo este mércores un encontro co alumnado do novo título grao de Xestión Cultural. A visita, na que tamén participou o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Cultura, Internacionalización e Servizos, Jesús Varela Zapata, permitiu constatar a “ilusión” do alumnado con este novo título.

“Todo está perfecto, xenial”, salientou unha das estudantes chegadas de fóra de Galicia ao Campus de Lugo para cursar estudos de Xestión Cultural, para logo engadir que “o título ten moi boa pinta”. O reitor recibiu con agrado estas primeiras impresións transmitidas polo estudantado, ao que, ademais de animar a gozar da súa experiencia universitaria, transmitiu o apoio da USC e do seu equipo de goberno, para achegar solucións aos problemas advertidos e ás posibles demandas que xurdan.

O encontro do reitor da USC co alumnado do novo título de grao en Xestión Cultural encádrase no marcos das visitas que Antonio López está a realizar aos centros con títulos de nova implantación na USC, que este curso estrea na súa sede luguesa un novo programa de estudos que está a ter especialmente boa acollida entre a mocidade da Galicia máis occidental e tamén das rexións veciñas de Asturias e Castela e León, segundo sinalou o decano da Facultade de Humanidades.

Cartaz coa programación de 'Aterranocampusterra'
Cartaz coa programación de 'Aterranocampusterra'
Mauricio Repetto e Montserrat Valcárcel, na presentación do programa de benvida 'Aterranocampusterra'
Mauricio Repetto e Montserrat Valcárcel, na presentación do programa de benvida 'Aterranocampusterra'
Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.09.2021.