O Maratón Fotográfico do Campus demanda ‘tranquilidade’ na edición que cumpre as súas vodas de prata

O Maratón Fotográfico do Campus demanda ‘tranquilidade’ na edición que cumpre as súas vodas de prata, tal e como o indicaron o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, e o coordinador deste certame artístico promovido pola Área de Cultura da USC en colaboración co grupo fotocinematográfico Fonmiñá ao abeiro do convenio Lugo Cultural, Eduardo Ochoa, na sesión de benvida ás 42 persoas inscritas para participar nunha maratoniana xornada artística.
Do mesmo xeito que en anos anteriores, a convocatoria de 2019 ofreceu aos afeccionados ao sétimo un prazo de 24 horas ininterrompidas para captar imaxes relacionadas co tema proposto pola organización, así como por calquera outra asunto que estimaran do seu interese, xa que estas fotografías competirían na modalidade libre desta xa veterana iniciativa artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.
A choiva e o frío tamén se apuntaron, aínda que fóra de concurso, á cita do XXV Maratón Fotográfico do Campus, pero sucumbiron no intento de minar o ánimo dos convocados, que finalmente presentaron arredor de 80 instantáneas a un concurso que, ademais de render homenaxe a dous dos seus máximos valedores, tal e como o son Carlos Valcárcel e Eduardo Ochoa, tamén contempla tres premios con dotación económica para os autores das tres fotografías máis valoradas polo xurado.
O premio Carlos Valcárcel, dotado con 350 euros, trofeo e diploma, distinguirá a mellor fotografía presentada ao certame, mentres que o premio Eduardo Ochoa será para o autor da mellor fotografía do tema proposto pola organización. Este galardón está dotado con 300 euros, trofeo e diploma. O terceiro premio, que recaerá na mellor fotografía de tema libre, inclúe unha gratificación de 250 euros, trofeo e diploma.
Alén dos premios, as 12 mellores fotografías seleccionadas polo xurado deste certame servirán para ilustrar un calendario no que se informará das actividades programadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural durante o ano 2020. Asemade, as 20 mellores imaxes formarán parte dunha exposición que se poderá visitar na Biblioteca Provincial desde o 9 de decembro ao 12 de xaneiro. A apertura desta mostra coincidirá coa entrega de premios do XXV Maratón Fotográfico do Campus, un acto que se desenvolverá o 9 de decembro ás 20.00 horas.