Ir o contido principal

Un menor número de incendios forestais concentra cada vez máis superficie queimada en España, Portugal, Francia e Italia

Mapa coa concentración de superficie queimada
Mapa coa concentración de superficie queimada
O traballo dirixido polo investigador da USC Dominic Royé conclúe que en Galicia esta tendencia é máis pronunciada que no resto de España, cun incremento do 2,7%
Lugo, Santiago de Compostela

Un estudo internacional, dirixido polo investigador da USC Dominic Royé, e no que participan investigadores de varias universidades de España, Portugal, Francia e Italia, chegou á conclusión de que nos últimos tempos produciuse un incremento importante da área queimada concentrada nun menor número de incendios forestais. No estudo analizáronse patróns e tendencias das áreas queimadas por incendios forestais nos citados países mediante a aplicación dun índice de concentración.

A frecuencia da área queimada segue unha distribución exponencial negativa en case todas as rexións, con moitos incendios de pequena extensión e poucos grandes incendios, sendo cada vez máis un pequeno número de incendios o responsable da maioría da área queimada. Para a elaboración deste artigo, publicado na revista Land Degradation & Development, utilizáronse datos do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS), así como bases de datos nacionais sobre incendios forestais.

Esta investigación mostra que, na maioría dos países europeos do Mediterráneo, a superficie queimada está cada vez máis relacionada cun menor número de incendios. A distribución espazo-temporal do índice presenta unha gran variabilidade en todos os países analizados. Neste senso, Portugal e España mostran tendencias significativas crecentes cun incremento do 7.6% e do 1.3% por década, respectivamente. En Galicia a tendencia é máis pronunciada que no resto de España, cunha suba do 2,7%.

Paisaxes inflamables

A tendencia positiva significativa do índice en Portugal e España podería estar relacionada co cambio climático e con cambios antropoxénicos rexionais, por exemplo, paisaxes máis continuas, homoxéneas e inflamables, ou degradación do chan. Estes factores, por si mesmos, só explican parte das tendencias observadas, explica Dominic Royé.

A aplicación deste índice tamén demostra a necesidade de outorgar máis atención a incendios extremos que son imposibles de controlar ata que ocorra unha diminución da intensidade do incendio. Tamén se atopan correlacións estatisticamente significativas para Portugal, España e Italia entre o índice de concentración anual e varios índices de teleconexión climática, que son patróns de fluxos atmosféricos. A relación é clara coa fase negativa da chamada Oscilación do Mediterráneo Occidental, que produce ventos do leste na maior parte da Península Ibérica. Os ventos do leste en Portugal son secos e cálidos no verán, o que leva a un aumento dramático no risco de incendios forestais, afirma Roye. Finalmente, a aplicación do índice demostra a súa capacidade discriminatoria, que é un punto chave na detección de áreas vulnerables e tendencias temporais baixo o cambio climático.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2019.