Ir o contido principal

Miles de participantes nas actividades da G-Night en Lugo e Santiago

Un momento da G-Night en Lugo
Un momento da G-Night en Lugo
A USC súmase dende hai anos, con grande éxito de público, a esta acción de divulgación científica simultánea en toda Europa

Un ano máis, a USC sumouse á Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), que se desenvolve simultaneamente en centos de cidades de toda Europa baixo o paraugas da European Researchers’ Night, cun máis que notable éxito de participación. Foron preto de 7.000 persoas -5.000 delas en Lugo- as que se achegaron ao Mercado Municipal e Praza de Abastos de Lugo e ao Colexio de Fonseca compostelán para participar neste evento de divulgación científica.

5.000 asistentes en Lugo


Organizada en Lugo por XuvenCiencia e AgroMar, a trintena de actividades propostas na G-Night de Lugo serviron como escaparate para algúns dos proxectos e liñas de traballo máis punteiros que leva adiante ese Campus. Así, cunha oferta de obradoiros e demostracións para público infantil, familiar e de todas as idades, a G-Night mobilizou no centro urbano un equipo integrado por medio centenar de PDI de practicamente todas as facultades e centros da USC en Lugo, así como outros tantos estudantes de grao, máster e doutoramento, que participaron como monitores a través da oficina de voluntariado do campus lugués.

Nesta quinta edición da G-Night, achegáronse como novidades exhibicións de proxectos europeos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, como rePOWERSiC, na procura dunha enerxía máis eficiente e lixeira para a carreira espacial; SUS-SOIL, que captura laboratorios vivos dos solos e subsolos de Europa, ou AF4EU, que desenvolve modelos sustentables de xestión agroforestal. Tamén se puido coñecer o proxecto REMOVIRT, que pescuda fórmulas para a cirurxía do fígado a partir de modelado virtual 3D.

Asemade, estiveron tamén presentes grupos de investigación como o Laboratorio de Referencia de Escherichia coli (LREC), que desenvolveu un obradoiro sobre a resistencia a antibióticos, ou GAPAVET, que aborda modelos experimentais de doenzas humanas e animais en peixe cebra. Igualmente XuvenCiencia presentou Ciencia á Feira, que conta con financiamento da FECYT e da Deputación de Lugo para crear unha rede informal e interxeracional de cultura científica que atenda especialmente a poboación rural.

Como actuar ante as picadas das carrachas ou a praga das velutinas, a simulación de terremotos para avaliar a resistencia das estruturas, un areeiro de realidade aumentada, microenxertos para clonar plantas in vitro, pescudas sobre a idade das árbores, fibra óptica para a comunicación, introdución á clínica veterinaria, hardware libre para a monitorización ambiental ou unha simulación da mobilidade das cidades foron algunhas das actividades das que os lugueses gozaron na G-Night.

Santiago e os seus centros singulares


O Campus de Santiago contou tamén con múltiples obradoiros impulsados para achegar a ciencia á cidadanía. Así, o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) organizou as actividades ‘Xogando na cociña con cores’, ‘ADN, cromosomas e divisións celulares’ e ‘Nanociencia de cores: unha práctica para ver o invisible’. Pola súa parte, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) desenvolveu os obradoiros ‘O que ves é o que hai: detectores visuais de obxectos sobre FPGA’, ‘A IA sabe se tes fibrilación auricular’, ‘Chatty: modelos de linguaxe para falar polos cóbados’ e ‘O que tes é o que realmente ves: detector de eventos cun chip CMOS’.

Tamén participou o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) coa actividade ‘Ciencia molecular en acción: do xogo á innovación’, mentres que o Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) foi o responsable dos obradoiros ‘Xogamos limpo: o que se agocha nos campos de fútbol e nos parques’, ‘De medusas fluorescentes a bacterias que comen plásticos’ e ‘Pasado contaminado’.

Outras actividades foron propostas polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, como ‘Observa e constrúe os elementos fundamentais da materia’; o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago co obradoiro ‘Descubriendo a biomedicina: a ciencia que transforma a saúde’; ou o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), coas accións ‘Apagando lumes con números’, ‘Xogando coas mates’ e ‘Abracadabra matemática’. Finalmente, a Área de Infraestruturas de Investigación da USC organizou a actividade ‘Podo xogar con cristais?’.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2025.