Ir o contido principal

Unha monografía profunda na coeducación na escola do século XXI

O libro afonda en por que a infancia segue a reproducir roles sexistas. FOTO: Santi Alvite
O libro afonda en por que a infancia segue a reproducir roles sexistas. FOTO: Santi Alvite
A obra de Milena Villar Varela e Mª José Méndez Lois contribúe á reflexión feminista no marco das diversas obras editadas polo Servizo de Publicacións en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero ou o Centro Interdisciplinario de Estudos Feministas e de Xénero da USC
Santiago de Compostela

Promovida pola Oficina de Igualdade de Xénero, a monografía Coeducar na escola do século XXI. Reflexións e propostas educativas, de Milena Villar Varela e Mª José Méndez Lois, profunda na desigualdade entre xéneros; en por que as políticas de igualdade non funcionan de xeito socialmente máis rendible; ou na causa de que o concepto ‘feminismo’ provoque rexeitamento en parte da sociedade. Por que a infancia segue a reproducir roles sexistas; por que, malia existir igualdade legal, non se acadou unha igualdade real; ou como actuar dende as institucións educativas a prol da igualdade, conforman outras das cuestións abordadas na monografía.

Na liña de contribuír, dende a investigación académica, á reflexión feminista, o Servizo de Publicacións, en estreita colaboración con outras entidades da USC como a Oficina de Igualdade de Xénero ou o Centro Interdisciplinario de Estudos Feministas e de Xénero (CIFEX), “vén desenvolvendo importantes liñas editoriais, nalgúns casos favorecidas polo impacto derivado de ser publicadas en acceso aberto gratuíto”, explicou Juan Blanco, responsable do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. Este é o caso da serie Guías para unha docencia universitaria con perspectiva de xénero (once títulos), dos estudos e reflexións da IV Xornada Universitaria Galega en Xénero ou dos Sete relatos curtos contra a violencia de xénero.

A Biblioteca do CIFEX, pola súa parte, componse polo de agora de oito monografías, na súa maior parte obras colectivas e, nalgúns casos, en colaboración con universidades estranxeiras. A última achega do Servizo de Publicacións nesta liña de estudos feministas e de xénero é o volume Desigualdades de xénero en tempos de Covid.

Portada do libro
Portada do libro
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2022.