Mostachos solidarios contra o cáncer de próstata

Integrantes do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) colaboran durante este mes na campaña da Fundación Movember a través do equipo ‘ Mostachos solidarios’. O seu obxectivo é recadar fondos para investigación centradas no cancro de próstata, de testículos, saúde mental e inactividade física. Os fondos recadados van directamente á fundación Movember que realiza unha chamada de proxectos de investigación e posteriormente reparte os recursos reunidos entre aqueles proxectos e institucións seleccionados.
A Fundación Movember é una organización benéfica internacional que fomenta programas de investigación e que dende o ano 2003 ten recadado 719 millóns de euros cos que logrou financiar máis de 1.000 programas de investigación. A través da súa convocatoria anual, a Movember Foundation selecciona proxectos de investigación para repartir posteriormente fondos entre as institucións e proxectos seleccionados. No que respecta á achega dende o CiMUS, en novembro de 2018 o grupo de traballo constituído no centro logrou recadar un total de 900€.
Agora, os promotores da iniciativa fana extensible este ano a toda a comunidade do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC para crear en 2019 un equipo con maior número de participantes e desta maneira, lograr recadar a maior cantidade de fondos posible. Os fondos recadados nesta iniciativa irán a parar directamente á Fundación Movember. No seguinte link figuran as iniciativas que a organización financia na actualidade, tanto en España como noutros países: https://es.movember.com/report-cards.