Ir o contido principal

Nace ‘Smart Cardia’, a plataforma intelixente que facilita a xestión da rehabilitación cardíaca

A iniciativa presentada este xoves foi desenvolvida pola USC a través do seu Centro Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS)
A iniciativa presentada este xoves foi desenvolvida pola USC a través do seu Centro Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS)
Este proxecto no que toma parte a USC ve a luz como apoio aos profesionais sanitarios que tratan a pacientes que sufriran un infarto agudo de miocardio

Smart Cardia’ é unha plataforma que incorpora tecnoloxías baseadas en Intelixencia Artificial (IA) para a xestión clínica do proceso de rehabilitación cardíaca en pacientes que sufriran un infarto agudo de miocardio. A finalidade do proxecto no que toma parte a USC é a de facilitarlle aos profesionais sanitarios a xestión do proceso de rehabilitación cardíaca, integrando compoñentes intelixentes e preditivos e interfaces gráficas cun maior grao de usabilidade. ‘Smart Cardia’ convértese, deste xeito, nunha ferramenta idónea para a posta en marcha de programas de rehabilitación cardíaca, permitindo que, dende o primeiro día, os profesionais sanitarios traballen no marco dun proceso seguro e predicible, sen variabilidade e controlado, contando ademais con indicadores de calidade.

A plataforma nace como apoio aos profesionais sanitarios que interveñen neste tipo de procesos, como  cardiólogos, persoal de enfermaría especializada, fisioterapeutas, médicos rehabilitadores,  endocrinólogos, médicos de atención primaria e enfermería comunitaria. O proxecto ten unha finalidade sanitaria, mediante o control dos factores de risco e a prevención; e unha finalidade social, ao interactuar con Prebencar, un asesor virtual intelixente para a prevención e o benestar cardiovascular que promove hábitos cardiosaudables, e converte aos pacientes que sufriron un infarto en axentes activos para a súa recuperación.

A iniciativa presentada este xoves foi desenvolvida pola USC a través do seu Centro Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e a empresa Balidea, e atópase baixo o asesoramento de cardiólogos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), como o doutor Carlos Peña, que liderou a definición e o desenvolvemento desta iniciativa. Ao longo deste ano culminouse a elaboración dos seis módulos que integran a plataforma: xestión intelixente, interfaces gráficas, interacción intelixente, xeración automática de informes, gamificación de plans de saúde, e predición de impacto do programa nos pacientes. Asemade acometeuse a integración das distintas partes e a validación do conxunto no marco do programa de rehabilitación cardíaca.

‘Smart Cardia’  é un proxecto de investigación levado a cabo polo consorcio de empresas liderado pola compañía Balidea, no que tamén participan Imagames e SM Tecno, alén da Fundación IDIS. Este proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para o fomento da cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, á súa vez cofinanciado polo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2021.