Ir o contido principal

A normativa consolidada da USC engádese a Lex.gal

Co fin de ampliar e mellorar esta ferramenta, Lex.gal incorpora unha fiestra para que calquera usuaria ou usuario poida facer as achegas e os comentarios que considere oportunos. Imaxe de arquivo dunha clase da USC. FOTO: Santi Alvite
Co fin de ampliar e mellorar esta ferramenta, Lex.gal incorpora unha fiestra para que calquera usuaria ou usuario poida facer as achegas e os comentarios que considere oportunos. Imaxe de arquivo dunha clase da USC. FOTO: Santi Alvite
“Con esta ferramenta viva e en permanente actualización ábrese a toda a cidadanía a posibilidade de dispor dunha relación sistemática de textos consolidados coas normas vixentes máis relevantes da Universidade de Santiago de Compostela”, explica a investigadora principal do proxecto, Diana Santiago
Santiago de Compostela

Lex.gal é un proxecto desenvolvido conxuntamente pola USC, Parlamento de Galicia, Xunta de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia que xira arredor dun  portal no que se acubilla unha completa base de datos con toda a lexislación ditada pola Comunidade Autónoma, en lingua galega e consolidada, dende 1981. A todo este repositorio engádese agora a normativa consolidada da Universidade de Santiago de Compostela. “Con esta ferramenta viva e en permanente actualización ábrese a toda a cidadanía a posibilidade de dispor dunha relación sistemática de textos consolidados coas normas vixentes máis relevantes da USC”, explica a investigadora principal do proxecto, Diana Santiago. 

Na sección web de ‘Normativa da USC Consolidada’ pódense consultar, por ámbitos materiais, as normas vixentes máis importantes. Esta é unha primeira selección normativa xa que como sección integrante de Lex.gal, “trátase dun proxecto vivo, obxecto de actualización e mellora constante”. Nestes momentos pódense consultar as normas máis relevantes relativas a Normativa xeral, Estudantado, Profesorado, PTXAS, Investigación e Transferencia, Contratación e Patrimonio, Xestión orzamentaria e Administración electrónica da USC. Progresivamente, iranse ampliando os contidos e normas das seccións.

Achegas e comentarios

O obxectivo deste proxecto no seu conxunto é ir ampliando os seus contidos con novos produtos como códigos sectoriais nos que se reunirán sistematizadas e ordenadas por sectores da actividade da administración ou das diversas ramas do dereito as principais normas vixentes comentadas e accesibles para a súa descarga gratuíta; ou o acceso á carta a través de diversos dispositivos electrónicos e móbiles aos diversos contidos do portal. Co fin de ampliar e mellorar esta ferramenta, Lex.gal incorpora unha fiestra para que calquera usuaria ou usuario poida facer as achegas e os comentarios que considere oportunos, facilitando así non só a participación de toda a cidadanía neste proxecto senón tamén o seu permanente perfeccionamento e mellora, tal e como require o principio de boa administración.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2025.