A obra ‘Historia de la literatura ilustrada española del siglo XIX’, Premio Nacional de Edición Universitaria 2020

Os XXIII Premios Nacionais de Edición Universitaria, resoltos en 2020 e correspondentes a libros editados en 2019, foron entregados este xoves nun acto no que tomou parte o responsable do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan Blanco, quen recolleu o premio á mellor coedición interuniversitaria pola obra Historia de la literatura ilustrada española del siglo XIX, obra coeditada xunto á Universidade de Cantabria. A xuízo do xurado, o libro premiado “non é só unha historia da literatura do século XIX senón que recolle tamén a recepción desa literatura sen esquecer os aspectos paratextuais, grazas a un gran esforzo editorial”. Os galardóns non puideron ser entregados en 2020 a causa das restricións impostas pola pandemia.
Na gala de entrega dos premios, celebrada no pavillón de actividades culturais da Feira do Libro de Madrid, recolleu tamén tomou parte a secretaria xeral da Universidade de Cantabria, Silvia Tamayo. Juan Blanco salientou na súa intervención “que o desenvolvemento do proxecto foi posible grazas a unha afortunada conxunción de sensibilidades e intereses por parte das dúas universidades de cara a un obxectivo de transcendencia compartida, como é unha obra chamada a converterse, pola súa monumentalidade, rigor, amplitude temática e execución técnica, nunha referencia na historiografía literaria española”.
Con este, son oito os galardóns que a editorial universitaria recibe dende 2011: Mellor colección (2011); Mellor monografía en Ciencias Xurídicas e Económicas (2014); Mellor Obra de Divulgación Científica e Mellor Traducción (2015); Obra Mellor Editada e Mellor Coedición Interuniversitaria (2017) e Mellor Obra Dixital e Multimedia (2019).