Ir o contido principal
  • Estudar

A práctica diaria de actividade física podería servir de freo á nomofobia ou medo irracional a estar sen acceso ao móbil

O estudantado que realiza exercicio de forma intensa (especialmente os que o practican a diario) mostran unha menor vulnerabilidade a condutas nomofóbicas. FOTO: Santi Alvite
O estudantado que realiza exercicio de forma intensa (especialmente os que o practican a diario) mostran unha menor vulnerabilidade a condutas nomofóbicas. FOTO: Santi Alvite
A Facultade de Formación do Profesorado acolleu unha xornada na que se profundou nos resultados do segundo ‘Estudo epidemiolóxico sobre adiccións sen substancia (uso e abuso das TIC) e consumo de substancias psicoactivas en poboación universitaria do Campus de Lugo’
Lugo

A actividade física desempeña un papel protector fronte á nomofobia ou medo irracional a non ter o teléfono móbil ou a estar sen acceso a el. Esta é unha das conclusións da segunda edición do ‘Estudo epidemiolóxico sobre adiccións sen substancia (uso e abuso das TIC) e consumo de substancias psicoactivas en poboación universitaria do Campus de Lugo’. A investigación constatou, a partir dos resultados dunha enquisa realizada por máis de 800 estudantes durante o segundo cuadrimestre do pasado curso, unha certa tendencia “a perder a noción temporal durante a navegación por Internet” por parte do estudantado universitario. 

A este patrón súmase, nunha proporción significativa, o uso da Rede como “estratexia de evasión fronte aos problemas e a interferencia que o exceso de conexión pode xerar no rendemento académico ou laboral”. De maneira máis puntual, tamén aparece a tendencia a interromper actividades en curso para prolongar o tempo en liña. Segundo o estudo, o uso problemático da Internet concéntrase maioritariamente na poboación menor de 20 anos. O estudo coordinado por Pablo César Muñoz Carril e Carmen Sarceda Gorgoso e que conta co apoio do Concello de Lugo e do Ministerio de Sanidade, enmárcase dentro da actividade desenvolvida polos grupos de investigación da USC MESTURA e GEFIL.

Perda de control do tempo

En canto á frecuencia de conexión, os resultados mostran unha relación clara: a maior tempo diario de conexión, maior frecuencia e intensidade de condutas problemáticas, confirmando a importancia deste factor como preditor de risco. En relación co rendemento académico, obsérvase que un maior desempeño académico asóciase con menores niveis de problematización, especialmente no que respecta ao impacto no rendemento e ao uso da Internet como mecanismo de evasión. A excepción é a perda de control do tempo, que aparece como un fenómeno estendido en todos os grupos (rendemento académico baixo, medio, alto e moi alto), aínda que algo menos pronunciado no estudantado con cualificacións moi altas.

En canto á frecuencia de exercicio físico, apréciase que un maior nivel de práctica relaciónase cunha menor incidencia de condutas problemáticas, en particular cun mellor control do tempo de conexión e un menor uso da Internet como forma de evasión. O estudantado que realiza exercicio de forma intensa (especialmente os que o practican a diario) mostran unha menor vulnerabilidade a condutas nomofóbicas, fronte a aquelas persoas con niveis baixos ou nulos de actividade, que obteñen as puntuacións máis altas.

Substancias psicoactivas

No relativo ao consumo de substancias psicoactivas, o 74.3% do estudantado afirma que nos últimos 12 meses consumiu bebidas alcohólicas. “Existe unha tendencia crecente na inxesta de alcol a medida que aumenta a frecuencia de conexión a internet (con fins non académicos), o que convida a pensar que hai un vínculo entre lecer dixital e patróns de consumo”, destaca o estudo. O consumo de cánnabis concéntrase no uso ocasional, sendo o 85.1 % dos estudantes non consumidores e un 10.3 % sinala consumir entre 1 e 5 días. Ademais, o uso de hipnosedantes é baixo, xa que case un 92 % non consome. Finalmente, os datos confirman que o consumo de anfetaminas, éxtases, cocaína, heroína, ketamina, spice e outras drogas sintéticas é moi baixo entre o estudantado universitario.

Completan a autoría do estudo Mónica Bonilla del Río, María Rosa García Ruiz, Rubén Navarro Patón, Marcos Mecías Calvo, Brigite Carvalho da Silva, Ana Cristina Dias Pinheiro, Ángel Puentes Puente, Olaya Santamaría Queiruga, Isabel Dans Álvarez de Sotomayor, Nuria Abal Alonso, Inés Mosquera Bargiela, Alba Souto Seijo, Eva María Barreira Cerqueiras, Iris Estévez Blanco, Eduardo José Fuentes Abeledo, Santiago López Gómez, Milena Villar Varela, María del Mar Sanjuan Roca, Raquel Mariño Fernández e Pablo Rial González. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2025.