Ir o contido principal

Premiado a nivel internacional un traballo do CiTIUS que fusiona dúas técnicas de Intelixencia Artificial

Alberto Bugarín recollendo o premio. Foto: CiTIUS
Alberto Bugarín recollendo o premio. Foto: CiTIUS
Os científicos do centro compostelán abordan o papel das descricións lingüísticas de datos na construción de sistemas de xeración de linguaxe natural
Santiago de Compostela

A Asociación Internacional para os Sistemas Difusos (IFSA, polas súas siglas en inglés) vén de conceder un dos tres premios internacionais IFSA Journal Best Paper Award a un traballo desenvolvido integramente no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), no que os científicos do centro compostelán abordan o papel das descricións lingüísticas de datos na construción de sistemas de xeración de linguaxe natural.

Os responsables da IFSA (unha federación de asociacións formada por 16 sociedades científicas mundiais do ámbito da intelixencia computacional) concederon o premio en recoñecemento ao desenvolvemento deste traballo para facilitar a interacción entre investigadores en Xeración de Linguaxe Natural e Intelixencia Computacional, moi especialmente no eido da Lóxica Borrosa en sistemas de conversión de datos a texto.

Segundo o investigador Alberto Bugarín, “nesta liña de traballo integramos dúas áreas científicas que, ata hai moi pouco, eran practicamente unhas completas descoñecidas entre si: a comunidade de Intelixencia Computacional e a de Xeración de Linguaxe Natural”. Precisamente dentro desta última atópase a disciplina Datos a texto (‘Data to text’ ou ‘D2T’), na que os científicos do CiTIUS levan tempo traballando. Entre os seus exemplos de aplicación figura a ferramenta GaliWeather: un sistema de ‘tradución automática’ de modelos numéricos a texto que dende hai anos está integrado na páxina web de Meteogalicia, o servizo público de información meteorolóxica da comunidade galega.

O tema foi tamén obxecto principal de estudo na tese do primeiro autor do artigo, Alejandro Ramos, que recibiu tamén numerosos premios nos últimos anos, entre outros, o Best PhD Award a nivel europeo e o Premio Nacional de Investigación SCIE - Fundación BBVA.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2019.