Ir o contido principal

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural recibe 13 candidaturas na súa vixésima edición, que se fallará o vindeiro 4 de decembro

O reitor da USC, Antonio López, á espquerda, e Álvaro Rodríguez Eiras, na presentación do XX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O reitor da USC, Antonio López, á espquerda, e Álvaro Rodríguez Eiras, na presentación do XX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O galardón, convocado pola grupo Aresa xunto coa USC, está dotado con 10.000 euros en metálico e placa conmemorativa para o gañador
Lugo, Santiago de Compostela

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado pola grupo Aresa xunto coa USC e dotado con 10.000 euros en metálico e placa conmemorativa para o gañador, recibiu un total de 13 candidaturas na súa vixésima edición, que se fallará o vindeiro 4 de decembro na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, no marco dun acto presidido polo reitor da USC, Antonio López, e no que tamén participará o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, ademais doutros membros do xurado.

As candidaturas que concorren á vixésima edición do Premio Aresa son diversas, do mesmo xeito que en todas as edicións anteriores. Daquela, entre as propostas recibidas e que xa foron obxecto dunha primeira análise, figuran uns traballos realizados sobre agricultura galega presentados por Ramón Fuentes Colmeiro, a firma Grenalia SA, Gandería Quintiáns, Coren Cooperativas Ourensás, Asoporcel ou Cooperativa A Carqueixa.

O Conselleo Regulador de Denominación de Orixe Protexida Cebreiro, o Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa, a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), e a creación e lanzamento da marca de calidade Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, por parte da Asociación de Desenvolvemento Rural ‘Mariñas de Betanzos’, son outras das propostas presentada á vixésima edición deste galardón, á que tamén optan, a iniciativa dos profesores da USC M. Belén García, Ángeles Romero e Santiago Pereira, a Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha; o proxecto Cultivando Galicia, promovido por Pablo Antonio Fraga Gontán, e o Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla), posto en marcha por Marcos Vázquez Marey.

O reitor Antonio López presidirá o xurado encargado de fallar o Premio Aresa de 2019, un tribunal do que tamén forman parte o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o presidente do grupo Nogar e da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira García, e o catedrático de Medicina Legal da USC, investigador e experto internacional en xenética, Ángel Carracedo.

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural é un galardón que premia cada ano iniciativas e proxectos presentados por entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúan de forma decisiva a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas que viven e traballan no medio rural galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2019.