Os premios á divulgación científica da USC nacen para recoñecer o rigor na comunicación da ciencia e a atracción de novos públicos
Xa está en marcha a primeira edición dos premios á divulgación científica da USC, unha convocatoria que pretende recoñecer e recompensar o traballo da comunidade universitaria dos campus de Santiago e Lugo que contribúe a achegar o coñecemento científico e tecnolóxico á sociedade; así como fomentar a cultura científica entre a cidadanía, promovendo o interese social pola ciencia e a súa comprensión crítica. O prazo para formalizar as candidaturas esténdese ata o 7 de novembro a través dun formulario en liña.
Os premios constan de dúas modalidades. Por unha banda, haberá un recoñecemento á traxectoria divulgadora que distinguirá a dedicación e a excelencia continuas no traballo de divulgación dunha persoa que teña contribuído, de xeito destacado, a achegar a ciencia á sociedade. O obxectivo principal é destacar unha traxectoria sólida caracterizada polo rigor e a calidade na comunicación de contidos científicos, pola diversidade de medios e formatos empregados ao longo do tempo, polo impacto social e educativo das súas actividades de divulgación e pola influencia positiva na percepción pública da ciencia e na formación de novas xeracións de persoas dedicadas á educación científica. Doutra banda, a modalidade centrada nas novas audiencias está deseñada para recoñecer proxectos ou iniciativas que empregan de forma creativa e eficaz as novas plataformas dixitais e os formatos emerxentes para comunicar a ciencia e atraer novos públicos. Os premios á divulgación científica da USC teñen unha dotación económica de 2.500 euros por cada modalidade.
Os premios teñen como obxectivo poñer en valor a divulgación científica realizada polos membros da comunidade da Universidade de Santiago de Compostela, polo que poderán ser candidatas todas aquelas persoas que tiveran ou teñan relación coa USC (estudantes, estudantado egresado, persoal docente e investigador, persoal investigador ou persoal técnico de xestión, administración e servizos). As candidaturas só poderán ser presentadas por: direccións de centros singulares de investigación da USC, direccións de institutos de investigación da USC e coordinadores/as de grupos de investigación da USC. Cada dirección/coordinación poderá presentar tantas candidaturas a ambas as modalidades como desexe.
Tal e como se destaca nas bases do certame, “unha universidade que comunica eficazmente os seus achados fortalece os lazos coa súa comunidade, xera confianza e destaca o impacto real do seu traballo”. Deste xeito, “na USC temos claro que a divulgación científica permite integrar os avances da investigación no debate público, fomentando unha cidadanía informada capaz de participar na toma de decisións. Nun contexto de alta complexidade tecnolóxica e social, a transparencia e a transmisión do coñecemento son esenciais para combater a desinformación e promover valores como o pensamento crítico, a curiosidade e a cultura científica”.