O proxecto ‘ConArte no Camiño’ achega á comunidade universitaria das Belas Artes á ruta de peregrinación

O proxecto ‘ConArte no Camiño. Belas Artes para a transmisión dos valores universais do Camiño’ iniciou a súa andadura en Santiago de Compostela co acto de benvida aos participantes na iniciativa. As actividades do proxecto, promovido polo Grupo Compostela de Universidades (GCU) e que forma parte do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, desenvolveranse do 23 ao 30 de setembro na capital galega, Ferrol, Neda e Pontedeume.
Neste acto de benvida, o grupo de universitarios foi acollido pola secretaria executiva do GCU, Teresa Carballeira Rivera, e o membro do comité executivo do GCU, Manuel Freire-Garabal. Na súa intervención, Teresa Carballeira explicou que a decisión de localizar as principais actividades en Ferrol débese a que da cidade “parte o Camiño inglés” e a “súa aposta pola rexeneración da zona de Canido a través da arte”.
Os trece estudantes e doutorandos participantes cursan formacións de ramas do coñecemento relacionadas coa creación artística nas universidades de Sevilla (España), Politécnica de Madrid (España), Vigo (España), Nacional de San Marcos (Perú) e Zaragoza (España). Concretamente, belas artes, deseño gráfico, pintura, debuxo, gravado e arquitectura.