O proxecto DataECO aborda o impacto real das infraestruturas dixitais na emerxencia climática
Os centros de datos non son meramente infraestruturas técnicas, senón espazos onde se fan visibles tensións sociais, políticas e ecolóxicas máis amplas. Ao redor destas infraestruturas articúlanse conflitos relacionados co extractivismo, o consumo enerxético e a crise climática, poñendo en evidencia os límites materiais do mundo dixital. Neste escenario é onde opera o proxecto ‘Ecoloxías de Datos: Exploración de formas de activismo medioambiental a través e contra os datos na sociedade das plataformas’ (DataECO) (ATR2024-154984), no que traballan na USC os investigadores Emiliano Treré e Ezequiel Soriano, e que está financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación (MICIU/AEI/10.13039/501100011033), no marco do programa ATRAE.
Lonxe de ser abstractos, explican os investigadores, “os datos dependen de infraestruturas intensivas en recursos cuxa expansión expón interrogantes urxentes sobre sustentabilidade, territorio e gobernanza”. Neste contexto, DataECO presta atención a un fenómeno emerxente: o debate sobre as supostas “solucións” ao impacto ecolóxico da dixitalización. Fronte a enfoques puramente técnicos ou diagnósticos, o proxecto examina criticamente as alternativas propostas por distintos actores, desde estratexias corporativas baseadas na eficiencia enerxética ou os chamados algoritmos “verdes”, ata propostas tecnolóxicas como o almacenamento xenético de datos, pasando por enfoques máis radicais como a redución deliberada do uso tecnolóxico (decomputing) ou as perspectivas de xustiza ambiental e xustiza de datos impulsadas por movementos sociais. “Estas solucións, lonxe de ser neutras, poden funcionar como estratexias de adaptación, lexitimación ou desprazamento do problema, converténdose nun terreo de disputa sobre os límites e o futuro da dixitalización”, afirman Emiliano Treré e Ezequiel Soriano.
Comprender o impacto real
Cun enfoque comparativo centrado en España, Italia, Irlanda e Chile, DataECO combina etnografía dixital, entrevistas e análises de contido para desenvolver un marco interdisciplinario innovador sobre o activismo ambiental no contexto do actual boom dos centros de datos. O seu obxectivo é xerar coñecemento útil non só para a comunidade académica, senón tamén para activistas, responsables políticos e cidadanía interesada en comprender o impacto real das infraestruturas dixitais na emerxencia climática.
O proxecto desenvólvese na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, con adscrición ao Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), e articúlase arredor do equipo de investigación ADS (Culturas Algorítmicas, Ecoloxías de Datos e Medios Sintéticos), fundado por Emiliano Treré e Ezequiel Soriano, e pertencente ao grupo de investigación Novos Medios. No marco do proxecto DataECO están a impulsarse diversas actividades orientadas a abrir o debate académico e social sobre o papel dos datos e a intelixencia artificial nos conflitos ecolóxicos contemporáneos. Entre elas destaca o seminario ‘Entre Algoritmos. Encontros etnográficos na era sintética’, así como o taller ‘Romancero Sintético’, desenvolvido na UPV/EHU, centrado no uso creativo de modelos de linguaxe pequenos como alternativa a plataformas centralizadas como ChatGPT ou Gemini.
Durante os próximos meses, o proxecto continuará a súa axenda de difusión científica e colaboración internacional mediante a participación en encontros chave. No congreso da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC), recentemente celebrado en Pontevedra, Emiliano Treré impartiu a conferencia plenaria de peche titulada ‘Entre algoritmos e poder: estéticas, resistencias e ecoloxías do futuro dixital’, directamente vinculada coas liñas de investigación do proxecto ATRAE. Así mesmo, o proxecto terá unha presenza destacada no congreso internacional Data Justice 2026: The Datafied State, que terá lugar os días 1 e 2 de xuño de 2026 en Cardiff e que constitúe un dos principais foros globais no ámbito da xustiza de datos. Esta conferencia bianual, coorganizada por Treré como codirector do Data Justice Lab, reúne centos de especialistas internacionais para analizar o papel das tecnoloxías baseadas en datos na transformación do Estado e as súas implicacións sociais. Nesta edición, o equipo ADS e o proxecto ATRAE contribuirán á organización dun panel centrado nas intervencións estatais e nas formas emerxentes de resposta social fronte á dataficación.
O proxecto culminará esta fase coa celebración, en setembro, en Santiago de Compostela, dunha reunión do seu comité asesor, que reunirá a especialistas estatais e internacionais de referencia no ámbito da xustiza de datos, a intelixencia artificial e os conflitos ecolóxicos, co obxectivo de consolidar liñas de colaboración e orientar as próximas fases de desenvolvemento do proxecto DataECO.