O proxecto SOS-Digital desenvolve un protocolo en liña para axudar a alumnado ante estados de desconforto psicolóxico

‘SOS-Digital: Providing Support to Students in Distress’ é un proxecto internacional que aspira a dar resposta ao crecente risco de dificultades de saúde mental que se están a detectar no alumnado universitario. Un consorcio internacional no que toman parte USC, Universidade do Minho (Portugal), Università Degli Studi di Trento (Italia) e a Uniwersytet im. Adama Mickiewicza w Poznaniu (Polonia) traballan no desenvolvemento dun protocolo en liña de axuda a alumnado ante estados de desconforto psicolóxico.
“O proxecto SOS-Digital xorde ante a necesidade de dar resposta ao crecente risco de dificultades de saúde mental que se están a detectar no alumnado universitario”, explican Carmen Senra Rivera, Paula Villar Torres e Ana López Durán, investigadoras do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC que toman parte neste consorcio. “A educación superior implica, ademais da propia esixencia académica, unha serie de cambios que poden superar os recursos de afrontamento da mocidade, sobre todo no caso do alumnado estranxeiro, que adoita vir so a un país e a unha universidade que descoñece”, explican. “Ante esta realidade, é fundamental informar e desenvolver plans de asistencia psicolóxica para o estudantado, así como informar ao profesorado e persoal de administración e servizos sobre estratexias para reaccionar ante situacións de emerxencia da forma máis adecuada e empática posible”, sinalan.
Vídeos e guías
O protocolo inclúe vídeos e guías dixitais de corte didáctico co fin de informar á comunidade universitaria desta realidade e mostrar modos de reacción e busca de solucións ante situacións que poden xerar malestar emocional. SOS-Digital encádrase na partida orzamentaria Key Action 2 do Programa Erasmus+ da Comisión Europea, cuxo obxectivo é proporcionar oportunidades para a cooperación, innovación e o intercambio de boas prácticas. A finalidade é o compartillamento, desenvolvemento e transferencia de prácticas innovadoras no eido educativo e formativo entre as institucións dos diferentes países participantes. O proxecto conta con páxina web oficial e contas en Twitter e Facebook, que nutren o plan de diseminación desta iniciativa. O persoal técnico de proxectos internacionais do Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico (CACTUS) tamén toma parte nesta actividade.