A rede ESAR-Net detecta eventos puntuais de presenza “moi elevada” de éxtase nas augas residuais durante a pandemia

A Rede Española de Análise de Augas Residuais con Fins Epidemiolóxicos (ESAR-Net) acaba de conmemorar os seus tres anos de existencia a través dunha xornada que serviu para presentar os principais resultados do traballo desenvolvido ata o de agora. Coa asistencia en liña de 200 persoas procedentes de España, Portugal e Latinoamérica, a investigadora da USC Rosario Rodil presentou os resultados preliminares da análise de augas residuais para medir o impacto da pandemia da COVID-19 no consumo de substancias de abuso. Rodil destacou que non houbo grandes cambios no consumo de substancias, aínda que si se detectaron eventos puntuais de presenza de concentracións moi elevadas de MDMA (éxtase) en augas residuais de España e Portugal.
Rosa de Llanos da Universidade Jaume I afondou, pola súa parte, na metodoloxía de análise de augas residuais aplicada ao seguimento da pandemia na provincia de Castellón mediante a medida do ARN de fragmentos do virus, onde se está vendo claramente como a carga de restos virais vai en aumento na auga residual nesta segunda onda da pandemia.
A finalidade de ESAR-Net é a difusión da metodoloxía de análise de augas residuais con fins epidemiolóxicos, así como promover a colaboración en España neste ámbito. Nesta liña, a xornada puxo o foco en como, grazas ao traballo desta rede, puido constatarse, entre outros achados, que a cocaína e máis o cannabis son as drogas que máis sobresaen en España, alén de xerar un negocio ilegal que oscila, só no caso da cocaína, entre os 3.000 e 6.000 millóns de euros. O membro da rede Lubertus Bijlsma da Universidade Jaume I, en relación co consumo de drogas ilegais, destacou a relevancia de levar a cabo mostraxes de maior cobertura xeográfica e sostidas no tempo.
Tabaco e alcol
A estimación de consumo de tabaco e alcol foi outro dos temas abordados por Ester López do IDAEA-CSIC. Para ambas as dúas substancias atopouse, en xeral, unha boa correlación con outros indicadores, aínda que a vantaxe de analizar a auga residual é o que permite “discernir cambios a nivel local” e cun alto valor complementario. Neste eido, a rede ten constatado que o consumo medio de alcol en todo o territorio español ao ano é de 5,7 litros de etanol puro por cada habitante maior de 15 anos, logo de analizar as augas residuais de dezasete depuradoras, correspondentes a trece cidades españolas, o que abarca algo máis de seis millóns de habitantes. A rede tamén ten abordado o consumo de tabaco, extrapolando un consumo medio diario de 2,2 mg de nicotina, o que equivalería a 2,8 cigarros por persoa e día.
O resto dos relatorios correron a cargo de Begoña Brime e João Matias, dos Observarios Español das Drogas e as Adiccións e Europeo das Drogas e as Toxicomanías (OEDA e EMCDDA), respectivamente. Begoña Brime centrou a súa intervención en presentar os diferentes indicadores que se están empregando en España para medir o consumo de substancias e en particular os que se están empregando para medir o impacto da pandemia, destacando as enquisas en liña. João Matias, pola súa banda, falou dos indicadores máis novos que está a implantar o EMCDDA, tamén prestando especial atención á situación de pandemia, entre os que se inclúe a análise de augas residuais, enquisas en liña ou análises de procuras na web, entre outras. Iria González Mariño da Universidade de Salamanca, presentou, pola súa parte, o potencial da técnica de augas residuais para medir de maneira rápida e económica a exposición a contaminantes químicos.
“Indicador moi valioso”
A apertura da xornada correu a cargo da delegada do Goberno para o Plan Nacional Sobre Drogas, Azucena Martí, quen destacou a relevancia de dispoñer de indicadores diversos “que nos permitan seguir a evolución do consumo de substancias de abuso, sendo a análise de augas residuais un indicador moi valioso”. A continuación, o coordinador de ESAR-Net e profesor da USC, José Benito Quintana, trazou un percorrido pola historia da rede e as principais accións desenvolvidas.
ESAR-Net é unha rede, financiada no período 2017-2020 pola Axencia Estatal de Investigación a través do programa de redes de excelencia. Está constituída na actualidade por oito grupos de investigación da USC, Universidade de Salamanca, Universidade Rei Juan Carlos, IMDEA-Auga, CIDE (centro mixto do CSIC, Universidade de Valencia e Generalitat Valenciana), Universidade Jaume I, Universidade Rovira i Virgilia e IDAEA (centro do CSIC en Barcelona).