Redes sociais e familia, espazos clave para o estudo da lingua nas novas xeracións

O estudo da lingua nas novas xeracións será un dos tres eidos de investigación nos que afondará o Instituto da Lingua Galega (ILG) nos vindeiros anos en virtude do convenio plurianual de colaboración asinado este luns entre a USC e a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. Este acordo —o primeiro de carácter cuadrienal— reforza o labor do ILG como referente de recoñecido prestixio na súa contribución ao desenvolvemento da investigación científica sobre a lingua galega, outorgándolle estabilidade a curto e medio prazo na planificación das súas distintas liñas de traballo. O custo total das accións previstas no convenio para o período 2021-2024 ascende a un total de 825.360 euros —480.000 achegados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística— e, entre elas, destaca a análise das redes sociais para comprender as dinámicas (socio)lingüísticas que se están a desenvolver na sociedade galega actual.
Redes sociais e familia
O ILG afondará, nos vindeiros anos, nas interaccións establecidas a través das redes sociais e das plataformas de comunicación de texto e voz, nomeadamente a través de Whatsapp, Telegram —e similares—, mais tamén de Twitter, poñendo o foco nas construcións identitarias producidas a través das interaccións, especialmente entre grupos de xente nova. Nesta parte, ademais da análise dos elementos lingüísticos tomados doutras linguas —español, portugués e inglés, sobre todo—, estudarase a utilización de recursos non lingüísticos, como iconas, emoticonas, gifs e outros materiais gráficos. Preténdese, igualmente, recoller notas de voz, que serán integradas no corpus oral CORILGA.
Asemade, no bienio 2023-2024, o Instituto poñerá o foco no estudo das ideoloxías lingüísticas que operan na sociedade. Atenderase, de maneira especial, aos discursos e interaccións que se producen nas redes sociais máis estendidas, como Twitter e Instagram. “En particular centrarémonos nos aspectos ideolóxicos referidos ao monolingüismo, bilingüismo ou multilingüismo na nosa sociedade, en relación tamén cos usos lingüísticos postos en práctica para emitir eses mesmos discursos e producir esas interaccións”, apunta Xosé Luís Regueira Fernández, investigador a cargo desta liña de traballo. Tamén se atenderá aos aspectos de variación interna dentro do galego, en particular ás cuestións referidas ao estándar e á variación lingüística nestes ámbitos, dende o punto de vista ideolóxico e das prácticas lingüísticas.
Contribuír ao coñecemento dos procesos de mantemento, transmisión e cambio de lingua nas familias galegas será outra das liñas de investigación abordadas. “Para tal fin, partiremos da análise dun corpus de aproximadamente trescentos historiais sociolingüísticos de familias, estudadas ao longo de tres xeracións”, explica o profesor Henrique Monteagudo, responsable desta liña de investigación. Pola súa parte, María Álvarez de la Granja estará a cargo da análise da competencia escrita en lingua galega do alumnado de 2º de Bacharelato.
ALGa
O convenio asinado este luns permitirá, asemade, continuar cos traballos de preparación, edición e publicación dos materiais lexicais recollidos para a elaboración do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), que se procesarán informaticamente para publicarse en sucesivos volumes ata o remate dos traballos. A edición dos traballos do ALGa permite que os lingüistas poidan acceder a unha inxente cantidade de información fonética, gramatical e lexical organizada dun xeito coherente. Manuel González González é o investigador responsable do proxecto.
Patrimonio textual na Galicia medieval
O ILG tamén continuará cos traballos de estudo sistemático, por terras e dominios antigos, da produción histórico-lingüística no ámbito da prosa documental e dos seus axentes de produción, moi especialmente o notariado. “Aos resultados alcanzados anteriormente coa documentación da terra de Caldelas (2019-2020) sumaranse os correspondentes ás terras do Carballiño, de Celanova e do Ribeiro, para as que se conta con coleccións documentais informatizadas amplas e diversas na súa composición e cronoloxía”, apuntan Eduardo Moscoso Mato e Xavier Varela Barreiro, investigadores a cargo desta liña de traballo.
Pola súa parte, Ramón Mariño Paz e Ricardo Pichel Gotérrez acometerán a transcrición e edición dun conxunto de obras literarias producidas na Galicia medieval nos séculos XIV-XV, para as que aínda non se conta cunha edición definitiva ou mesmo non son coñecidas.

