Ir o contido principal

A reforestación, unha arma de dous fíos

A nivel mundial, deberíase dar prioridade, tal e como apuntan os investigadores, ás zonas que foron sometidas a unha presión de deforestación máis elevada durante as últimas décadas. FOTO: Santi Alvite
A nivel mundial, deberíase dar prioridade, tal e como apuntan os investigadores, ás zonas que foron sometidas a unha presión de deforestación máis elevada durante as últimas décadas. FOTO: Santi Alvite
Investigadores da USC advirten de que plantar 3.000 millóns de árbores ata o ano 2030, tal e como propón a UE no marco do Green Deal, pode incrementar os riscos de incendios forestais se non se acompaña dunha planificación e xestión adecuada
Santiago de Compostela

O Pacto Verde da Unión Europea (UE), tamén denominado Green Deal, folla de ruta coa que Europa quere loitar contra o cambio climático, contempla, entre as súas accións, a plantación de 3.000 millóns de árbores ata o ano 2030. Científicos da USC acaban de advertir, a través dun artigo publicado na revista Global Change Biology, de que a reforestación masiva pode supoñer “unha arma de dous fíos” e reivindican a necesidade de planificar ben este proceso “xa que o uso das especies que se utilizan a miúdo nas plantacións —de crecemento rápido e con resinas inflamables—, pode aumentar o risco de incendio, especialmente se non se acompaña dunha xestión forestal adecuada”, explica Adrián Regos Sanz.

Os bosques son grandes sumidoiros de carbono e contribúen en gran medida a compensar o aumento do dióxido de carbono á atmosfera. Por este motivo, as políticas para conservalos e restauralos teñen un amplo apoio como forma eficaz de combater o cambio climático. A UE, seguindo o vieiro do Green Deal cara a unha  descarbonización da economía, comprometeuse a restaurar os hábitats con maior potencial para captar e almacenar carbono a través de diferentes iniciativas como a da reforestación. Un equipo de investigadores da USC en colaboración co Centre Tecnològic Forestal de Catalunya, o Research Centre in Biodiversity and Genetic Resources (CIBIO), do Centre de Recerca Ecològica i Aplicacions Forestals da Universidade Autónoma de Barcelona e do CSIC, constataron que “é fundamental planificar moi ben como e onde se farán estas plantacións, é dicir, que especies e como se xestionarán, aspectos que son claves se queremos ser efectivos reforestando para evitar riscos asociados a grandes incendios forestais”.

Diversificación de hábitats

Os autores propoñen outras alternativas que poden ser, ao seu xuízo, tanto ou máis efectivas a este plan de reforestación masiva. Por exemplo, a diversificación de hábitats ou a recuperación de zonas húmidas e de pastos, sobre todo nalgunhas rexións do sur de Europa. Estas accións axudarían a compensar a perda de hábitats, que sufriron un forte declive nas últimas décadas debido ao abandono de terras e da expansión forestal, e manterían as prácticas e as paisaxes tradicionais e culturais, máis resistentes ao lume. “De feito, investir na restauración destoutros hábitats sería máis eficiente que plantar árbores nas rexións máis secas e propensas ao lume, como o Mediterráneo, onde a dispoñibilidade de auga é limitada”, apunta Adrián Regos Sanz. “A reforestación a gran escala pode impactar en zonas de actividades agropecuarias tradicionais, provocando o seu abandono ou o desprazamento, causar a perda doutros hábitats de importancia na conservación, a propagación de especies e pragas invasoras e reducir a dispoñibilidade de auga”, continúa o investigador da USC.

Con todo, recoñécese que a restauración de bosques plantando árbores ou axudando á súa recuperación natural contribuirá, sen dúbida, á estratexia global de mitigación dos impactos do cambio climático. As primeiras propostas de obxectivos para o convenio sobre a diversidade biolóxica que se acordarán en 2021 inclúen a restauración de 350 millóns de hectáreas de terras  deforestadas e degradadas do mundo. A nivel mundial, deberíase dar prioridade, tal e como apuntan os investigadores, ás zonas que foron sometidas a unha presión de deforestación máis elevada durante as últimas décadas, onde o investimento será máis eficaz, como os  trópicos, e sempre tendo en conta que “a restauración forestal non pode substituír a redución de emisións directas de gases de efecto invernadoiro”, a acción prioritaria e máis efectiva para combater o cambio climático.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2021.