Remata o prazo para participar no programa de emprendemento BioArgos21

Baixo o lema ‘Detrás dun gran proxecto, hai un gran equipo’ o programa de emprendemento BioArgos21 comeza a súa oitava edición, co obxectivo de sensibilizar e adestrar a alumnado e persoal investigador no proceso de creación de empresas e promover o traballo en equipo. Esta iniciativa que busca persoas multidisciplinares, dispostas a traballar sobre proxectos innovadores no campo da Bio-Saúde e Tecnoloxías Agroalimentarias, amplíou o seu prazo de inscrición ata o 30 de abril, tal e como indican as bases convocatoria dispoñibles nesta ligazón.
Ata comezos de maio desenvolverase a fase de selección de participantes, onde o comité organizador valorará os perfís das persoas rexistradas e a súa capacidade para complementar os equipos, a súa dispoñibilidade para participar activamente nas actividades, así como a orde de inscrición. As dúbidas sobre a convocatoria poden enviarse a través do enderezo electrónico argos [at] usc.es (argos[at]usc[dot]es)
Perfís diversos
O programa BioArgos21 destaca nesta edición a importancia da complementariedade dos perfís persoais e profesionais para aumentar a eficiencia e eficacia do traballo nos proxectos. Por ese motivo, os participantes, ademais de dispoñer de asesoramento profesional e sesións de capacitación, dispoñerán de acceso a espazos virtuais e físicos para o traballo en equipo, así como actividades de networking con empresas do sector Bio-Saúde e Tecnoloxías Alimentarias.
Os participantes comezarán cun taller de adestramento que permitirá á organización coñecer os seus perfís e capacidades, e asignar os grupos de traballo e proxectos de Bio-Saúde e Tecnoloxías Agroalimentarias sobre os que traballarán. Os equipos serán multidisciplinares e de ata un máximo de cinco persoas. En outubro, cada equipo defenderá o seu plan de empresa e o comité organizador de BioArgos21 seleccionará un proxecto gañador de 3.000 euros por cada ámbito de actuación: Bio-Saúde e Tecnoloxías Alimentarias. Neste senso, valorarase a capacidade de escalabilidade e a viabilidade do proxecto empresarial. Tamén se outorgará asistencia gratuíta no proceso de constitución se os participantes chegasen a crear a empresa.
A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, dentro do proxecto BioIncubatech, lidera o programa BioArgos21 xunto coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e UNINOVA. Ademais, BioArgos21 está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-FEDER dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020 ‘Incubadoras de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia da tecnoloxía ás micropemes Fundación INCYDE’.