Resolta a décima edición do concurso de subtitulación ao galego de vídeos TED de divulgación científica
A edición número dez do certame de subtitulación ao galego de vídeos TED de divulgación científica acaba de dar a coñecer o nome das persoas gañadoras. Na modalidade específica para a comunidade universitaria da USC resultou vencedora Irene Tejado Montero, polos subtítulos ‘Os impostos dos ricos salvarán o planeta’, elaborados para o vídeo ‘Tax the rich — and save the planet’, de Esther Duflo; mentres que na categoría dirixida a persoas alleas á USC, impúxose Laura Rey Otero polos subtítulos ‘Como acabar coa malaria dunha vez por todas’, elaborados para o vídeo ‘How to end malaria once and for all’, de Abdoulaye Diabaté. Ambas as premiadas recibirán 300 euros cada unha e o seu correspondente diploma honorífico.
Na categoría USC o segundo premio, dotado con 250 euros e diploma honorífico, foi parar a mans de Ana Marino Fernández, polos subtítulos ‘Un novo salvavidas para os arrecifes de coral do mundo’, elaborados para o vídeo ‘A new lifeline for the world's coral reefs’ de Theresa Fyffe. Na categoría allea á USC, Yolanda Casás Fuentes, polos subtítulos ‘O que non se conta da intelixencia artificial’, elaborados para o vídeo ‘Beyond the Surface of Artificial Intelligence’ de Saara Paudyal, fíxose cos 250 euros e diploma correspondente ao segundo premio.
Finalmente, Ruth Prieto Collado, polos subtítulos ‘O relato que configura a nosa relación coa natureza’, elaborados para o vídeo ‘The story that shapes your relationship with Nature’ de Damon Gameau, recibirá os 200 euros e diploma correspondente ao terceiro premio da modalidade USC.
O concurso de subtitulación ao galego de vídeos TED de divulgación científica pretende estimular a presenza do galego na comunicación e a divulgación científica e de fomentar a existencia de recursos divulgativos audiovisuais neste idioma.