Ir o contido principal

Resoltos os XVII Premios á calidade lingüística de TFG e TFM

XVII Premios á calidade lingüística de TFG e TFM. Foto: Santi Alvite
XVII Premios á calidade lingüística de TFG e TFM. Foto: Santi Alvite
Á vista dos traballos presentados, o xurado sostén “que as habilidades comunicativas e a competencia lingüística do estudantado da USC semellan moi satisfactorias”

O xurado dos XVII Premios á calidade lingüística da USC, destinados a fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego, dá coñecer os nomes os traballos gañadores nas modalidades de TFG e TFM. Este ano concorreron aos premios 174 propostas,  45 na modalidade de traballos de fin de grao (7 en Artes e Humanidades, 6 en Ciencias, 3 en Ciencias da Saúde, 26 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 3 en Enxeñaría) e 129 na modalidade de traballos de fin de mestrado (11 en Artes e Humanidades, 30 en Ciencias, 32 en Ciencias da Saúde, 31 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 15 en Enxeñaría), o que dá conta dun notorio incremento na concorrencia nesta categoría respecto aos anos anteriores.

Na comunicación do seu ditame, o xurado desta edición destacou que “as habilidades comunicativas e a competencia lingüística en galego do estudantado semellan moi satisfactorias, á vista destes traballos presentados, que lle ocasionaron non poucas dificultades ao xurado para poder elixir os mellores e motivou que en varias categorías os premios se concedan ex-aequo e que se realicen mencións”.

Así, os cinco galardóns á calidade lingüística dos TFG, premiados con 300 euros e un diploma acreditativo, repartíronse entre 8 traballos, aos que se sumaron 10 mencións. Á súa vez, os cinco premios para TFM, dotados con 500 euros e diploma acreditativo repartíronse entre 9 traballos aos que se sumaron 4 mencións. A acta completa coa relación de todos os traballos premiados pode consultarse na web do Servizo de Normalización Lingüística.

O obxectivo dos Premios é incentivar no estudantado o desenvolvemento dunha habilidade comunicativa como é a presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal, o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc., e de facelo en lingua galega.

Os galardóns serán entregados oficialmente nun acto institucional a principios do vindeiro ano, onde tamén se fará entrega dos premios á calidade dos traballos académicos, que xa foron ditaminados o pasado 30 de setembro

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2021.