Ir o contido principal

Revalorizan unha das microalgas con maior produción e proxección comercial

A microalga Haematococcus pluvialis presenta unha gran concentración de astaxantina
A microalga Haematococcus pluvialis presenta unha gran concentración de astaxantina
Científicas da USC modifican o enfoque actual de extracción unidireccional de compostos carotenoides, por unha aproximación máis novidosa utilizando técnicas sustentables e disolventes non tóxicos
Santiago de Compostela

A microalga Haematococcus pluvialis é unha das especies de maior produción comercial debido a que presenta unha gran concentración de astaxantina, a cal posúe actividade antioxidante e é empregada como complemento alimenticio, así como colorante natural para o consumo humano. Científicas da USC lograron desenvolver un sistema extractivo escalable que reduce a cadea de procesos de refinación posteriores e aproveita máis dun 90% da materia orgánica que quedaba desatendida ata o de agora. Isto débese a que o foco da explotación estaba posto na astaxantina, deixando de lado todo o potencial abanico de compostos bioactivos que outorgan un carácter sinérxico ao produto desta microalga.

As investigadoras Aly Castillo, Carmen Garcia-Jares e Marta Lores do departamento de Química Analítica da USC, en colaboración coa profesora Sarah Fiol do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, a profesora Ana Otero do departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía, e Simón Pereira, responsable de I+D da empresa holandesa Astaco Technologies, veñen de publicar na revista RSC Advances este estudo sobre a revalorización desta microalga mediante a obtención de extractos bioactivos sinérxicos. Este traballo que se recolle no artigo ‘Matrix solid-phase dispersion as a greener alternative to obtain bioactive extracts from Haematococcus pluvialis. Characterization by UHPLC-QToF’ modifica o enfoque actual de extracción unidireccional de compostos carotenoides, por unha aproximación máis novidosa utilizando técnicas sustentables e disolventes non tóxicos para obter un extracto máis complexo e rico en compostos bioactivos.

Elevado potencial bioactivo

“Os métodos extractivos habituais necesitan altos requerimentos enerxéticos, e engaden unha serie de procesos de pre e post procesado co fin de illar un único composto (astaxantina) deixando como residuo un bagazo que aínda retén un elevado potencial bioactivo”, explican as investigadoras pertencentes tamén ao Instituto Cretus da USC.

Neste traballo interdisciplinario no que tomaron parte científicas da Universidade e empresas foráneas con experiencia no sector do cultivo, acondicionamento e explotación das microalgas, estudáronse diferentes disolventes de grao alimentario e xeráronse extractos con diversos perfiles de compostos bioactivos, “sendo os máis destacables os compostos carotenoides e ácidos graxos esenciais das familias omega-3 e omega-6 asociados ao tratamento das enfermidades cardíacas”, explican as investigadoras. 

Por outra parte, este estudo non só modificou o enfoque extractivo da microalga, senón que, mediante o estudo analítico en combinación co coñecemento biolóxico, logrou a identificación de tres compostos non caracterizados previamente nos extractos de esta alga, dando paso á busca de novos compostos. Actualmente, as investigadoras responsables deste estudo traballan na optimización e escalado do método extractivo proposto para a súa aplicación a escala comercial, convertendo así a H. pluvialis en algo máis que astaxantina.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.08.2020.