Selección de novas voces para o curso 2021-22 do Coro Universitario

Logo de case dous anos de inactividade como consecuencia da pandemia, o Coro Universitario da USC retoma a súa actividade, polo que se abre o prazo para presentarse á selección de novas voces para o curso 2021-22. Todas as persoas que desexen participar no proxecto do Coro Universitario deben enviar un correo electrónico antes do martes día 5 de outubro a area.cultura [at] usc.gal (area[dot]cultura[at]usc[dot]gal) co seu nome completo e teléfono de contacto, indicando tamén se contan coa posibilidade de comunicarse en liña a través da plataforma Teams.
Unha vez recibidas todas as solicitudes, o director do coro, Miro Moreira, poñerase en contacto coas persoas interesadas para concertar unha cita telemática ou presencial e realizar, deste xeito, unha pequena entrevista con proba de voz. Poden formar parte desta iniciativa estudantes, profesores e comunidade universitaria; integrantes doutros coros e agrupacións vocais, estudantes de conservatorios e instrumentistas de todo tipo e estilo, cantantes de calquera estilo musical, actores, docentes e profesionais da voz, cantantes de formación lírica, afeccionados á música e amantes do canto en xeral.
Que ofrece o Coro Universitario?
A formación inicial coral que recibirá o alumnado inclúe elementos básicos de lectura musical para un corista, así como de técnica vocal —relaxación, respiración, resonancia, ou articulación—, alén de comprender o proceso da interpretación artística a través da voz e do conxunto coral en diferentes formacións, ámbitos e estilos. Unha vez que finalice a selección de novas voces, fixaranse os días e horarios de ensaio (dous á semana) que está previsto teñan lugar no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación da USC.