Ir o contido principal

A Sociedade Europea de Endocrinoloxía recoñece o labor investigador de Rubén Nogueiras

Rubén Nogueiras no seu laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Rubén Nogueiras no seu laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
O científico da USC recibe este galardón polo seu traballo pioneiro sobre o papel do sistema nervioso central no control da homeostase enerxética e o seu impacto na obesidade e as súas complicacións metabólicas
Santiago de Compostela

O investigador da USC no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), Rubén  Nogueiras, acaba de ser recoñecido co  European  Journal  of  Endocrinology  Award que outorga a Sociedade Europea de Endocrinoloxía. Este premio recoñece o labor de científicos menores de 45 anos que contribuísen de xeito significativo ao avance do coñecemento no campo da endocrinoloxía a través de publicacións. O científico da USC recibe este galardón polo seu traballo pioneiro sobre o papel do sistema nervioso central no control da  homeostase enerxética e o seu impacto na obesidade e as súas complicacións  metabólicas.

Rubén Nogueiras suma así o seu nome a unha lista de destacados expertos a nivel internacional entre os que figuran tamén o investigador da USC Miguel López. O acto de entrega terá lugar durante a celebración do próximo Congreso Europeo de Endocrinoloxía que se desenvolverá en maio do vindeiro ano en Praga.

Traxectoria científica

Doutor en Bioloxía pola USC, Rubén  Nogueiras completou a súa formación en diferentes laboratorios de Alemaña, Suíza e Estados Unidos. Membro do Centro de Investigación Biomédica en Rede da Fisiopatoloxía da Obesidade e a Nutrición (CIBEROBN)  e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela  (IDIS), no CiMUS coordina o grupo de Metabolismo Molecular, centrado no estudo dos mecanismos moleculares implicados na obesidade e as súas enfermidades asociadas como a diabetes tipo 2 e a enfermidade do fígado graxo non alcohólico.

Asesor de proxectos nacionais e internacionais, conta con máis de 210 publicacións científicas en revistas de alto impacto e foi recoñecido con prestixiosos galardóns como o Premio Novo Investigador de Ciencias Básicas da Asociación Europea para o Estudo da Obesidade (EASO) (2009), o Premio da Revista de Endocrinoloxía Molecular (2011), o Premio Novo Investigador Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular (SEBBM) (2015), Fundación Europea o Estudo da Diabetes (EFSD)  Rising  Star  Fellowship (2015), Premios Novos Investigadores Fundación  AstraZeneca (2016), Premio Fundación Dr. Antonio Esteve (2017), Bolsa Leonardo, Fundación BBVA (2018), Premio Constantes e Vitais Novo Talento en Investigación Biomédica (2018), así como o Premio á Investigación Básica da Sociedade Europea de Investigación Clínica (ESCI) (2019).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.11.2020.