A spin-off 3edata perfila as futuras misións de Copernicus sobre aguas continentais no proxecto Water-ForCE

A spin-off do Campus de Lugo da USC 3edata é un dos socios participantes no proxecto Horizonte 2020 Water-ForCE, unha iniciativa transnacional que vén de comezar a súa andadura cun orzamento de 3 millóns de euros para un período de 3 anos e cuxo obxectivo é o de avanzar, a través da conexión das técnicas de teledetección e da observación in situ, na definición da folla de ruta de futuras misións e servizos sobre augas continentais de Copernicus, tal e como se coñece o programa de observación da Terra da Comisión Europea e da Axencia Espacial Europea.
O proxecto Water-ForCE nace co cometido de perfilar actuacións e estratexias cara a un servizo de augas continentais asociado ao programa Copernicus, para o que os seus promotores abordarán as actuais desconexións entre a investigación en teledetección e a observación sobre o terreo. Daquela, este proxecto achegará claridade no relativo ás necesidades e expectativas dos sectores público e privado, con respecto á misión principal de Copernicus e ás conseguintes oportunidades de investigación e innovación empresarial.
A doutora Carmen Cillero, unha das enxeñeiras promotoras da empresa 3edata, traballará na coordinación deste proxecto europeo, ademais de colaborar na parte técnica xunto co resto de socios do consorcio Water-ForCE, no que cooperan entidades de 10 países da UE, tanto públicas como privadas, así como especialistas en diferentes ámbitos vencellados coas augas continentais e a teledetección.
O deseño dunha futura folla de ruta de servicios de augas continentais, na que se concretará se o camiño óptimo a seguir é o dun Servizo de Vixilancia de Augas Interiores de Copernicus ou un conxunto mellorado de servizos divididos entre os seis xa existentes, constitúe un dos cometidos de Water-ForCE. Os responsables deste proxecto tamén establecerán os requisitos técnicos que deben cumprir as futuras misións de Copernicus para ser quen de satisfacer mellor as necesidades relacionadas coas augas interiores.
Outra das pretensións de Water-ForCE pasa por ampliar e mellorar a carteira e o rendemento dos servizos actuais, ademais de optimizar o enfoque para a vixilancia e a investigación das augas continentais. Neste senso, este consorcio internacional defende tamén unha cooperación máis estreita entre as comunidades de teledetección, observación in situ e modelización, a fin de crear unha rede que proporcione cumprida información sobre augas continentais aos responsables de formular as políticas, así como a administradores, investigadores e, en definitiva, á sociedade.
Implicación galega
A empresa de solucións de enxeñaría ambiental 3edata tivo unha destacada implicación na elaboración do proxecto Water-ForCE, unha tarefa que tamén contou co apoio de diferentes entidades galegas, nacionais e europeas. A pegada galega nesta ambiciosa iniciativa non só está garantida por 3edata, senón que tamén cómpre citar á Xunta de Galicia, cuxa participación se manifesta a través de Augas de Galicia e da Axencia Galega de Innovación (GAIN). A Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa) e o Goberno de España, a través do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e do Instituto Geográfico Nacional, tamén apoian a 3edata nesta iniciativa.
Alén destas entidades, o proxecto Water-ForCE, concibido como unha Acción de Coordinación e Apoio de Horizonte 2020, conta tamén coa colaboración da Rede Gleon (Global Lake Ecological Observatory Network), a maior rede internacional de observación de lagos e encoros e da que a spin-off luguesa 3edata figura entre os seus integrantes.