Ir o contido principal

A spin-off InVerbis chega ao mercado para revolucionar a xestión dos procesos nas empresas

No referente ao seu labor comercial, esta iniciativa foi xa seleccionada polo Clúster de Automoción de Galicia para formar parte do seu programa Business Factory Auto
No referente ao seu labor comercial, esta iniciativa foi xa seleccionada polo Clúster de Automoción de Galicia para formar parte do seu programa Business Factory Auto
A nova compañía, xurdida da investigación realizada no CiTIUS da USC comercializa unha nova tecnoloxía que cambiará a forma na que as empresas xestionan os seus procedementos e operacións
Santiago de Compostela

Xerar importantes aforros na xestión das empresas, automatizar as súas operacións de maneira rápida e efectiva e facilitar os procesos de certificación, serán algunhas das vantaxes competitivas que introducirá no mercado InVerbis Analytics, unha nova sociedade sustentada en técnicas de Intelixencia Artificial e Big Data que se constituíu oficialmente este venres en Santiago de Compostela. Os investigadores responsables desta nova compañía, unha  spin-off  incubada no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) desenvolveron novos algoritmos orixinais dentro dunha categoría coñecida como minería de procesos, que permite xerar visualizacións e informes intelixentes á hora de avaliar como se están executando os fluxos de traballo en industrias e servizos.

 “Ata a data, as empresas centráronse en calcular e coñecer os seus indicadores de desempeño, que son os que nos din se executamos mellor ou peor o noso traballo”, afirma Gonzalo Martín,  CEO da nova compañía. “Con todo, non asociaramos aínda este coñecemento ás súas causas, ou o que é o mesmo: non podiamos entender de que forma se chegou a eses resultados”, engade.

Na vangarda mundial

Pola súa banda, Alejandro Ramos, doutor  egresado do centro e novo director de I+D+i de InVerbis, destaca a calidade do produto xa que “os nosos algoritmos están na vangarda internacional neste campo, e permiten unha descrición profunda e detallada sobre a forma na que as empresas executan realmente as súas operacións. A nosa tecnoloxía pode competir con calquera operador mundial nesta categoría”, asegura Ramos, quen tamén quixo poñer en valor “o importante esforzo de investigación que se realizou dende o  CiTIUS coa axuda do Programa  Ignicia da Xunta de Galicia”.

“Permitiunos validar unha tecnoloxía en condicións moi parecidas á realidade do mercado, partindo de resultados de investigación suficientemente maduros. No noso caso fixo posible que anos de investigación en Intelixencia Artificial aplicada á analítica de procesos e a xeración de linguaxe natural poidan chegar ao mercado, facéndoo ademais a través dunha nova empresa altamente innovadora”, apunta Senén Barro, director científico do CiTIUS é un dos investigadores que promoveron  InVerbis, ademais de socio cofundador da startup, xunto con Manuel Lama, Manuel  Mucientes e Alberto Bugarín, logo de reclacar  tamén a importancia do Programa  Ignicia de  GAIN, a Axencia Galega de Innovación. Barro quixo destacar que “Ignicia non só puxo capital económico para logralo, senón tamén capital relacional e intelectual para acompañarnos neste camiño”. Senén Barro mostrábase asemade orgulloso deste novo logro do  CiTIUS. “O noso centro é un claro referente na investigación de alto impacto que mellora o tecido produtivo e a sociedade, e ademais crea emprego de forma directa, a través da creación de empresas”, destacou.

Un futuro prometedor

No referente ao seu labor comercial, esta iniciativa foi xa seleccionada polo Clúster de Automoción de Galicia para formar parte do seu programa Business Factory Auto, que poñerá á empresa en contacto con esta importante industria. “A industria do automóbil sempre estivo na fronteira do coñecemento na aplicación dos métodos de xestión e mellora de procesos, polo que para  InVerbis é unha lombeirada á hora de aplicar a nosa tecnoloxía”, celebran Gonzalo Martín e Alejandro Ramos.

InVerbis presta os seus servizos en dúas modalidades: a través dun portal  SAAS (‘Software  as a  Service’), válido para investigadores e expertos individuais; ou mediante versións personalizadas da súa tecnoloxía para consultores e empresas, cunha sorprendente facilidade de uso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2020.