Un taller formativo analizará as relacións entre computación cuántica e de alto rendemento

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) organizan este mércores 27 un taller formativo no CiTIUS centrado nas relacións entre a computación cuántica (QC) e a de alto rendemento (HPC), así como as sinerxías que poden aparecer entre ambas para o seu uso en campos científicos e técnicos. En total, catorce centros de investigación e empresas presentarán iniciativas que xa están a ser implementadas. Tamén se terán en conta os próximos desenvolvementos, principalmente relacionados coas estratexias de Quantum Machine Learning.
A computación cuántica converteuse nunha novo paradigma para resolver certos problemas que están fóra do alcance da programación convencional. Aínda que está nos seus albores, identificáronse e abordado posibles campos de aplicación con resultados prometedores. De confirmarse a supremacía cuántica anunciada por Google o pasado 23 de outubro, momento no que o computador cuántico ‘Sycamore’ conseguiu facer un cálculo máis rapidamente que o computador convencional máis potente, especialistas neste ámbito consideran que o crecemento deste campo alcanzará límites inimaxinables.