Ir o contido principal

Times Higher Education mantén a posición da USC en Enxeñaría e Ciencias da Computación

Agárdase que en datas vindeiras THE continúe actualizando os datos relativos ao resto de eidos temático. FOTO: Santi Alvite
Agárdase que en datas vindeiras THE continúe actualizando os datos relativos ao resto de eidos temático. FOTO: Santi Alvite
A clasificación por materias deste ránking internacional analiza o rendemento da institución compostelá nas áreas de docencia, investigación, citacións, proxección internacional e transferencia de coñecemento
Lugo, Santiago de Compostela

A USC mantense no intervalo 601-800 en Enxeñaría e Ciencias da Computación segundo o ránking Times Higher Education (THE) por materias correspondente a 2022. Esta clasificación que veu a luz este mércores, está elaborada en base a trece indicadores de rendemento estruturados en cinco áreas: docencia, investigación, citacións, proxección internacional e transferencia de coñecemento.

Agárdase que en datas vindeiras THE continúe actualizando os datos relativos ao resto de eidos temáticos como xa fixo no pasado mes de setembro ao actualizar a súa clasificación por materias nos eidos relativos a Ciencias da Saúde, Ciencias da Vida, Ciencias Físicas e Psicoloxía. Neste derradeiro ámbito, a USC ocupa o intervalo 401-500, mentres que nos restantes sitúase no chanzo 501-600, tal e como xa sucedeu na listaxe do ano pasado.

Asemade, a clasificación xeral deste mesmo ránking situou a USC, a comezos de setembro, entre as mellores universidades do mundo logo da análise de máis de 1.600 institucións pertencentes a 99 países. O intervalo 801-1000 é o ocupado pola Universidade nesta listaxe da que forman parte un total de 53 institucións españolas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.10.2021.