Os traballos finalistas de artes plásticas e fotografía do Xuventude Crea poden visitarse ata o 5 de xaneiro na Igrexa da Universidade
As obras finalistas das especialidades de artes plásticas e fotografía do certame Xuventude Crea expóñense na Igrexa da Universidade de Santiago nunha mostra que permanecerá aberta ata o 5 de xaneiro, de luns a sábado, en horario de 11,00 a 14,00 e 17,00 a 20,30 horas con entrada de balde.
A inauguración da mostra, na que se elixiron os premiados de entre toda as obras finalistas, tivo lugar nun acto no que participaron, entre outras, a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.
Fotografía
Logo de visitar as obras finalistas, este martes o xurado recoñeceu co primeiro premio na categoría de fotografía o proxecto Viaxeira 1, de Jade Rodríguez, de Ourense, no que a artista procura fendas no real, lugares onde o universo parece dobrarse e permitir outras versións de nós mesmos.
Outro dos galardoados foi Cartografía do azul, de Lara Barreiro, de Rois (A Coruña), que tenta crear un paralelismo entre a técnica da cianotipia, de revelación de fotografía, e a memoria, xerando unha metáfora entre a exposición fotográfica e a capacidade de fixar recordos. Pola súa banda, Lidia Amado, de Narón (A Coruña), resultou gañadora coa iniciativa Anómalo, que busca cuestionar a realidade e o estado actual das cousas a través da fotografía e da figura do monstro.
A continuación, galardoouse a obra Florita, de Sara Gil, de Ames (A Coruña), unha proposta na que se une con Antía Vieiro para crear unha peza íntima que rescata o pasado e o reinterpreta a través da moda e da imaxe, construíndo unha estética nostálxica e actual. Compartiu o premio con Penta, de Dania Emilia Pol, de Vigo, un proxecto de autorretrato que pretende unir puntos entre o efémero e o permanente, entre a música e a fotografía. Finalmente, a mención de honra recaeu na proposta Soterrat, de Iago Lourido, de Santiago de Compostela, na que retrata o ambiente presente nos primeiros días tralas graves inundacións o pasado outubro nas localidades valencianas de Massanassa, Alfáfar, Catarroja, Benetússer e La Torre.
Artes plásticas
Na especialidade de artes plásticas, o proxecto O brutal acto de amar: bicos, de Cristian Paz, de Puzo-Ponteareas (Pontevedra), foi o primeiro gañador, cunha composición escultórica de sete cubos de cimento no que a pegada do xesto afectivo deixa lagoas, espazos baleiros, que acusan a ausencia do outro.
Seguidamente, recoñeceuse a proposta Agoiro, de Eloy Hermida, de Narón (A Coruña), unha serie de tres obras de grande formato que empregan unha linguaxe escura e combinan simbolismo coa abstracción xeométrica herdada das vangardas galegas. Pola súa banda, Sara González, de O Rosal (Pontevedra), resultou gañadora coa iniciativa Retrato dunha familia real, na que a través da representación pictórica da súa familia, a autora reflexiona de xeito irónico sobre estereotipos vencellados á xente do rural.
As mencións de honra desta especialidade foron para a escultura Enmarcando o incerto, de Carmen Omil, de Pontevedra, un proxecto que forma parte dunha investigación sobre a relación entre o corpo e o espazo urbano, e a proposta Pintura de auga nº1, de Judit Vaquero, de Pontevedra, na que pretende levar a cabo un rexistro pictórico da composición sedimentaria fluvial de distintos ríos galegos que se atopen en situación de risco por contaminación.