Ir o contido principal

Últimos días de inscrición no Campus Emprende 2023, que se desenvolverá en Lugo do 18 ao 22 de setembro

O Campus Emprende 2023 desenvolverase na sede universitaria luguesa do 18 ao 22 de setembro
O Campus Emprende 2023 desenvolverase na sede universitaria luguesa do 18 ao 22 de setembro
O programa, promovido pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) xunto co Campus Terra da USC, é de balde e permitirá ao estudantado desenvolver un proxecto empresarial a partir das ideas de negocio xurdidas en traballos fin de grao, fin de mestrado ou teses de doutoramento
Lugo, Santiago de Compostela

O Campus Emprende 2023 desenvolverase de forma semipresencial na sede universitaria luguesa do 18 ao 22 de setembro. Este evento, promovido pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC xunto co Campus Terra e cuxo prazo de inscrición permanece aberto ata o xoves 14, diríxese a estudantes cunha idea de negocio baseada no seu Traballo Fin de Grao (TFG), Traballo de Fin de Mestrado (TFM), tese de doutoramento ou cunha idea con potencial innovador, para que poidan aprender a desenvolver un proxecto empresarial de éxito.

A participación no Campus Emprende 2023 do Campus Terra da USC pode ser individual ou en equipo e a formación apostará por un modelo participativo que combina a exposición de figuras expertas, conversas con persoas emprendedoras e titorías personalizadas de xeito telemático.  O programa de contidos do programa inclúe ferramentas de xestión estratéxica que permitan analizar e crear modelos de negocio, como é o caso de CANVAS, o estudo de mercado, e os plans organizativo e financeiro, entre outras cuestións.

O director executivo de Enxeño Galicia, Modesto Gómez; o director de inversións de UNIRISCO, Pablo Mosquera, a analista de inversións en XESGALICIA Alba Pombo, e Santiago López, responsable económico financeiro en UNINVEST, formarán parte do equipo docente do Campus Emprende 2023, no marco do que as candidaturas participantes expoñerán o seu modelo de negocio diante deste equipo formativo, que será o encargado de premiar os mellores proxectos.

Horarios, lugar e inscrición

As sesións presenciais do Campus Emprende 2023 terán lugar no Edificio Cactus da sede universitaria luguesa os días 18 e 20 de setembro en horario de 10 a 13.30 horas, e o 22 de setembro, en horario de 10 a 15 horas. Tamén haberá sesións en liña, os días 19 e 21 de setembro, desta volta en quenda de 18 a 20 horas.

O prazo de inscrición nesta iniciativa formativa permanece aberto ata o 14 de setembro e as persoas interesadas en participar poden anotarse a través do formulario en liña habilitado polo programa. Para maior información, as persoas solicitantes poden contactar co persoal técnico do Campus Terra a través do enderezo electrónico campus.terra [at] usc.es (campus[dot]terra[at]usc[dot]es) e do teléfono 982.822.854.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2023.