Últimos días para solicitar praza na Escola Infantil Breogán de cara ao curso 2022-2023

No marco do compromiso institucional da USC coa conciliación da vida laboral, persoal e familiar, ofértase o servizo da Escola Infantil Breogán, destinado a familias con vinculación coa institución universitaria. Estudantado, profesorado e persoal de administración e servizos poden solicitar unha praza neste centro de atención á infancia de 0 a 3 anos de idade de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria. O prazo de cara ao vindeiro curso 2022-2023 mantense aberto ata este venres 8 de abril.
As persoas solicitantes de renovación de praza sen cambios nos membros da unidade familiar, unicamente deberán presentar a solicitude a través do formulario accesible por vía telemática na páxina web da Escola. Doutra banda, as persoas solicitantes de renovación de praza con cambios nos membros da unidade familiar, as de nova admisión e as solicitantes sen dereito a reserva, unha vez cumprimentado o formulario da páxina web, deberán presentar a solicitude xunto coa documentación requirida, no Rexistro electrónico da USC, na Sede electrónica, dirixido ao Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado.
Horarios
A Escola Infantil Breogán estará aberta en horario ordinario de 07.45 a 18.00 horas coas excepcións que se deriven das Instrucións que dite a Xerencia para os anos 2022 e 2023 relativa ao calendario de festas, vacacións, permisos e horario do persoal de administración e servizos. Os horarios de entrada e saída serán flexibles para adaptarse ás necesidades familiares e características da idade de nenos e nenas. Unha vez que se produza a incorporación á escola, concederase o cambio de xornada, previa solicitude dirixida ao Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado, sempre que exista unha praza vacante.
A Escola Infantil Breogán naceu no ano 1978 por iniciativa dun grupo de pais e nais, profesorado, estudantes e PAS da USC que acadaron das autoridades académicas a cesión duns locais no pavillón central das instalacións do Burgo das Nacións. En xuño do ano 1985, a Xunta de Goberno aprobou a integración desta escola infantil como Servizo da USC. No ano 1988, habilitouse o actual edificio situado no Campus Sur da Universidade.