Ir o contido principal

Unirisco inviste en ‘InVerbis’, a spin-off da USC que optimiza os procesos das empresas usando Intelixencia Artificial

InVerbis é unha plataforma de minería de procesos que permite identificar, medir e monitorizar o potencial de mellora dos procedementos e operacións en calquera tipo de organización
InVerbis é unha plataforma de minería de procesos que permite identificar, medir e monitorizar o potencial de mellora dos procedementos e operacións en calquera tipo de organización
A sociedade de capital risco impulsada polas universidades e principais empresas de Galicia anuncia un investimento de máis de 100.000 euros na empresa
Santiago de Compostela

Unirisco, a primeira sociedade de capital risco universitaria creada co fin de apoiar a empresas que xorden do coñecemento xerado na universidade, a través de operacións de investimento temporal e outros instrumentos financeiros, acaba de anunciar publicamente a súa participación na startup InVerbis Analytics, unha compañía de base tecnolóxica xurdida da investigación realizada no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS). A noticia fíxose pública este mércores e suporá unha inxección de 100.000 euros no capital da empresa de recente creación.

A directora xeral da sociedade, Inmaculada Rodríguez Cuervo, afirmaba nun comunicado que “esta alianza mostra o compromiso de Unirisco  co desenvolvemento do talento tecnolóxico en Galicia, co apoio aos proxectos en Intelixencia Artificial e coa continuidade dun proxecto que naceu hai máis de 20 anos, sendo a única empresa de capital risco vinculada ás Universidades”.

 Así mesmo, quixo subliñar a aposta da organización co mundo da innovación e a tecnoloxía, asegurando que Unirisco continuará avanzando nesa liña. “Nós queremos reafirmar o noso compromiso con estes proxectos, que seguiremos apoiando; e por suposto, o compromiso de dar a coñecer InVerbis, para ir xerando unha visibilidade máis que necesaria”, explicou.

‘InVerbis’: descubrir canto e onde mellorar os procesos

InVerbis é unha plataforma de minería de procesos que permite identificar, medir e monitorizar o potencial de mellora dos procedementos e operacións en calquera tipo de organización. É un proxecto español baseado en Galicia, froito da investigación realizada no CiTIUS da USC, e que contou co apoio económico do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, posto en marcha en colaboración coa Fundación Barrié.

“A plataforma presenta a opción máis flexible do mercado internacional, tanto para análise de procesos como para integracións con outras aplicacións de negocio: ERP ou Business Intelligence, entre outros”. Gonzalo Martín, CEO de InVerbis, explica os fundamentos tecnolóxicos da empresa: “a minería de procesos aplica a Intelixencia Artificial para descubrir a execución real das actividades das empresas, de tal xeito que poden detectarse todas as alternativas empregadas para obter o mesmo resultado, e identificar a causa raíz que explique por que os indicadores clave de rendemento de certas actividades presentan desviacións”.

Unirisco, unha alianza estratéxica

Unirisco é unha sociedade de capital risco privada, cuxo principal propósito é acelerar a transferencia de coñecemento á sociedade a través do apoio á creación de spin-offs de base científica e tecnolóxica. Dende a súa creación, ten como misión o apoio a proxectos disruptivos creados no seo das universidades e enfocados a solucionar problemas existentes no mercado. Condicións que, en palabras da máxima responsable da sociedade, acaecen sobradamente no caso desta nova aposta. “InVerbis representa unha achega valiosísima ás empresas e organizacións que contan con procesos complexos, e que poden atopar na Intelixencia Artificial unha resposta aos seus retos de transformación dixital”, conclúe Rodríguez Cuervo.

De esquerda a dereita, Pablo Mosquera e Inmaculada Rodríguez Cuervo (Unirisco) xunto a Alejandro Ramos, Álvaro Porto e Javier Toja (InVerbis). FOTO: Andrés Ruiz
De esquerda a dereita, Pablo Mosquera e Inmaculada Rodríguez Cuervo (Unirisco) xunto a Alejandro Ramos, Álvaro Porto e Javier Toja (InVerbis). FOTO: Andrés Ruiz
Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.09.2021.