Ir o contido principal

As tres universidades galegas e a Xunta fixan un protocolo de actuación para a mellora das infraestruturas

De esquerda a dereita, Antonio López, Alfonso Rueda, Miguel Corgos, Román Rodríguez, Julio Abalde e Manuel Reigosa. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Antonio López, Alfonso Rueda, Miguel Corgos, Román Rodríguez, Julio Abalde e Manuel Reigosa. FOTO: Santi Alvite
O documento desembocará nun plan con accións específicas que axeiten as instalacións e servizos das institucións universitarias ás novas esixencias da docencia e investigación
Lugo, Santiago de Compostela

O desenvolvemento dun Plan de Infraestruturas Universitarias que contemple actuacións necesarias para a mellora da actividade docente e investigadora das tres universidades públicas galegas é o obxecto do protocolo xeral de actuación que os reitores da USC, UDC e UVigo asinaron este venres 7 coa Xunta de Galicia. No caso da Universidade de Santiago de Compostela, o plan centrarase no novo Centro de Ciencias da Saúde, na Facultade de Química, así como na integración da Facultade de Formación do Profesorado no Complexo Docente do Campus de Lugo. 

Antonio López (USC), Manuel Reigosa (UVigo) e Julio Abalde (UDC) presentaron xunto ao presidente Alfonso Rueda este protocolo que pretende fixar un marco de colaboración ata 2026 entre as institucións. No acto que se desenvolveu no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, tamén participaron o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro. 

Obras e melloras de especial importancia 

O Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026 inclúe no Fondo de Financiamento non condicionado un subfondo de Gasto Corrente e Mantemento de Infraestruturas co obxecto de financiar o custo básico de funcionamento das universidades e de mantemento das instalacións e das infraestruturas, de modo que cada institución reciba un financiamento estable que lle permita facer fronte aos seus gastos estruturais. 

Con todo, este marco de financiamento plurianual debe ser complementada con accións específicas que permitan axeitar as infraestruturas das universidades galegas ás novas esixencias da docencia e investigación para “acadar os niveis de excelencia esperados pola sociedade”, tal e como destaca o Protocolo. Neste senso, existen obras e melloras de especial importancia que, tendo en conta os recursos necesarios para a súa realización, non poden asumirse con cargo ás transferencias ordinarias previstas no Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026 e que agora se acometerán grazas ao Plan de Infraestruturas. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2023.