USC e Medio Ambiente colaborarán na mellora e reintrodución do mexillón de río nos cursos fluviais galegos

USC e a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia asinaron este martes un convenio de colaboración que permitirá desenvolver ata 2023 accións conxuntas no eido da conservación da fauna acuática no Centro Ictioxénico do Veral. En base a este acordo, ambas as dúas institucións colaborarán na mellora e reintrodución do mexillón de río nos cursos fluviais galegos. O texto asinado permite que a Universidade empregue as instalacións do centro para desenvolver e mellorar o proceso de cultivo nunha das especies máis ameazadas en Europa, polo que a recuperación das súas poboacións son unha ferramenta importante para proporcionar máis calidade ás augas galegas.
A Universidade dirixirá e supervisar o desenvolvemento de técnicas de cultivo de bivalvos de auga doce coa finalidade de mellorar a produción e a recuperación das especies que se atopan baixo algunha figura de protección, xa sexa de ámbito internacional, nacional ou autonómico. Neste centro desenvólvese, dende o ano 2012, un proxecto piloto, no que toma parte a USC, para iniciar o ciclo reprodutivo do mexillón de río. Ao longo do proxecto foron realizadas unha serie de modificacións nas instalacións da piscifactoría para axeitala ás necesidades do cultivo do bivalvo, contando tamén na actualidade cun laboratorio equipado para tal fin. O convenio contempla, por parte de Medio Rural, unha achega de 85.000 euros.
Accións a desenvolver
Prestar asesoramento e apoio técnico no cultivo de bivalvos de auga doce e sobre o estado sanitario e xenético dos peixes que se utilizan como hospedadores das larvas dos mexillóns; así como prestar asesoramento e apoio técnico en actuacións e programas de restauración e de recuperación de hábitats e de especies de medios acuáticos, serán outras das actividades a desenvolver pola Universidade. Asemade a USC elaborará informes e documentos técnicos en relación coa conservación do mexillón de río e o seu cultivo coa fin de reforzar as súas poboacións ou traslocar a especie naqueles tramos fluviais nos que se considere posible a implantación de poboacións viables.
A USC elaborará o documento técnico que sirva de base para un programa de reforzamento de Margaritifera margaritifera nos ríos galegos; e dirixirá e supervisará o desenvolvemento de técnicas de cultivo de bivalvos de auga doce coa finalidade de mellorar a produción e a recuperación das especies que se atopan baixo algunha figura de protección, xa sexa de ámbito internacional, nacional ou autonómico.
Regresión
Este especie está a sufrir unha regresión en toda a súa área de distribución paralelamente á degradación ambiental das bacías hidrográficas, mentres que en Galicia ten un dos seus últimos refuxios en Europa grazas a que as actividades agrogandeiras tradicionais permitiron manter unha axeitada calidade das augas. Cómpre lembrar que o mexillón de río é unha das especies máis ameazadas en Europa, polo que a recuperación das súas poboacións permitiría no futuro unha importante mellora na calidade das augas, xa que actúan como filtradores biolóxicos naturais.