Ir o contido principal

USC e Asociación Área Empresarial do Tambre buscan vías de integración das empresas de base tecnolóxica no tecido empresarial da cidade

Na reunión tamén se valorou o efecto tractor que a instalación destas EBTs no biopolo podería ter de cara a atraer empresas de maior volume. FOTO: Santi Alvite
Na reunión tamén se valorou o efecto tractor que a instalación destas EBTs no biopolo podería ter de cara a atraer empresas de maior volume. FOTO: Santi Alvite
A carteira de empresas baseadas no coñecemento da Universidade supera xa a trintena e ao longo de 2019 facturou máis de corenta millóns de euros
Santiago de Compostela

Darlle ás empresas xurdidas no espazo universitario a posibilidade de ter un desenvolvemento propio nunha contorna industrial centrou a xuntanza mantida este martes entre o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri; o xerente da USC, Javier Ferreira; e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés. Na reunión tamén tomaron parte Ramón Lois Lorenzo, secretario e asesor de presidencia da asociación; así como o vocal Francisco Xavier Freire Chico.

Deste xeito, o encontro permitiu valorar a posibilidade de que unha vintena de laboratorios do futuro edificio de infraestruturas colaborativas do biopolo da Sionlla, poidan destinarse a acoller empresas de base tecnolóxica (EBT), froito do músculo investigador da USC. Así, poderán desenvolver a súa actividade plenamente integradas no ecosistema empresarial compostelá, favorecendo a posibilidade de sinerxías e dando pulo ao proceso de transferencia. Tamén se valorou o efecto tractor que a instalación destas EBTs no biopolo podería ter de cara a atraer empresas de maior volume en base á complementariedade de procesos.  

A carteira de EBTs da USC supera xa a trintena cun volume de facturación crecente que pasou dos once millóns de euros en 2011, aos máis de corenta rexistrados en 2019. De feito, o pasado ano constituíronse un total de seis empresas, “número excepcionalmente alto” xa que a cifra habitual oscila entre dúas ou tres por ano, sinala José Luis Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC. No ano 2019, as EBTs de marca USC crearon máis de 400 postos de traballo, nunha dinámica igualmente ascendente xa que en 2008, creárase un total de 138.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2021.