A USC dá a benvida ao estudantado internacional no International Students’ Welcome Day

Coa celebración este sábado 20 da sétima edición do International Students’ Welcome Day, a USC dá a benvida ao estudantado internacional que vai cursar estudos na nosa institución este curso 2025-2026. A xornada, organizada pola Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, desenvolveuse nos xardíns do Colexio de Fonseca e nela participaron arredor de 300 estudantes, procedentes de 50 países. Este curso a USC acolle a preto de 2.000 estudantes estranxeiros, con Italia, México, Colombia e Brasil como principais países de orixe.
O reitor Antonio López presidiu a sesión inaugural, que tamén contou coa participación da vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica do Concello de Santiago de Compostela, Iago Lestegás.
O reitor destacou o papel da Universidade ao servizo do estudantado para garantir unha experiencia académica e persoal satisfactoria. Defendeu o compromiso social da institución avogando por seguir loitando pola paz nos lugares de orixe do estudantado. Resaltou así mesmo a importancia do estudantado internacional que “cumpre coa misión de conectar Santiago e Galicia con todo o mundo”.
“A USC é unha das universidades máis antigas de España e de Europa conectada coas necesidades da sociedade. Conta cunha ampla variedade de titulacións en diferentes áreas de coñecemento, conxugando innovación e tradición”, indicou López Couso. A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización resaltou a participación no evento, non só do estudantado chegado a través de programas de mobilidade, senón daquel que vén a través de iniciativas de cooperación da USC, como o Programa de axudas a persoas procedentes de zonas en conflito que apoya, entre outros, a estudantado de Palestina e Ucraína, ou o programa Learn Africa.
O programa do evento, que se desenvolve en quenda de mañá e tarde, inclue diferentes actividades encamiñadas a presentar a universidade compostelá, así como diversos aspectos da cultura galega. O folclore galego estivo moi presente na celebración, coa actuación do Espazo de Danza da Universidade. Finalmente, e tras un xantar con produtos típicos da gastronomía galega, unha sesión DJ serviu, xa en quenda de tarde, de colofón á xornada.
Un 90% do estudantado estranxeiro repetiría na USC
Segundo un estudo realizado pola propia USC, o índice de satisfacción do estudantado estranxeiro na institución académica é moi elevado, xa que o 90% afirma que repetiría a súa experiencia nesta universidade. Esta mesma enquisa puxo de manifesto que o estudantado internacional é un importante embaixador da USC cando regresa á súa universidade de orixe: un 40% dos novos estudantes decántase pola institución compostelá debido á experiencia positiva do estudantado de cursos precedentes.
A ampla oferta académica da USC, a súa longa tradición, os servizos culturais e deportivos ou a experiencia de estudar e vivir en dúas cidades declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO son algúns dos factores que fan que o estudantado internacional se decante pola USC, segundo esta mesma enquisa.