USC e CaixaBank colaboran na realización de accións divulgativas

A realización de accións divulgativas como cursos, seminarios, conferencias e reunións conforma o ámbito no que se enmarca o acordo de colaboración que USC e CaixaBank acaban de asinar. A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo, e a coordinadora da Área de Institucións de CaixaBank en Galicia, Mª Jesús García Piñeiro, mantiveron unha xuntanza no Colexio San Xerome para avaliar as accións que integran o acordo que manteñen a institución académica e a entidade bancaria.
Ao abeiro desta colaboración, CaixaBank financia, entre outros aspectos, a carpeta que anualmente se entrega ao alumnado universitario. A entidade financeira apoia dende hai anos este elemento distintivo que o estudantado matriculado na USC poderá recoller ao longo desta semana e da vindeira nas conserxarías dos seus respectivos centros. Neste curso 2021-2022, repartiranse en torno a 25.000 unidades.
Nestes máis de 20 anos de colaboración entre ambas as dúas institucións, USC e CaixaBank teñen traballado de xeito conxunto nos eidos de formación, investigación e transferencia de tecnoloxía así como en accións sociais e de temática cultural.