Ir o contido principal

A USC continúa cos traballos de investigación e documentación do xacemento arqueolóxico de Corro dos Mouros

Imaxe tomada dende un dron do proceso de excavación desta campaña de 2025. Foto: Serafín G. Veiga Prieto
Imaxe tomada dende un dron do proceso de excavación desta campaña de 2025. Foto: Serafín G. Veiga Prieto
O 17 de xullo haberá unha visita ao xacemento, que contará coas explicacións da directora dos traballos, a profesora Pilar Prieto
Lugo, Santiago de Compostela

Os traballos de investigación e documentación do xacemento arqueolóxico de Corro dos Mouros, en Santa María Madalena de Adai (Lugo), continúan estas semanas de xullo coa terceira campaña que lidera, como as anteriores, a profesora titular da USC e membro do Grupo de Investigación EcoPast e do CISPAC, Mª Pilar Prieto Martínez.

O Corro dos Mouros é un xacemento funerario-cultural utilizado durante 800 anos de maneira continuada entre o Bronce Final e a Primeira Idade do Ferro (s. XIII ata o s. V a. C). Trátase dun exemplo paradigmático deste tipo de sitios, descubertos por primeira vez en Galicia en 2006, “un xacemento funerario-cultual excepcional tanto polos seus achados como polo seu bo estado de conservación”, afirma Prieto.

Nesta terceira campaña, cun equipo de 13 persoas, ampliouse a área escavada nas dúas primeiras coa finalidade de continuar definindo o espazo interior no sureste, comprender a estrutura perimetral desde o exterior e tratar de atopar a posible entrada do xacemento. Estase a facer tamén unha pequena sondaxe para tratar de definir unha posible entrada orixinal do xacemento, onde a coiraza de seixo está moi ben conservada.

Todos estes traballos, realizados coa colaboración do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais e do Grupo CIGEO (Grupo Integrado de Enxeñaría Civil e Xeomática) do Campus de Lugo, contan co financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Campañas anteriores

No ano 2023 a Universidade de Santiago de Compostela comezou as investigacións neste xacemento cunha sondaxe de 17x1,50 metros no seu sector sur que permitiu definir dunha maneira preliminar o seu sistema defensivo perimetral formado por un anel pétreo de seixos, un parapeto de xabre e pedra e un foso externo. Tamén se exhumaron varias estruturas no seu interior, como na zona máis afastada do parapeto un chan preparado enchido de xabre duns 20 cms de espesor e algunha estrutura illada que demostra a existencia de actividades no sitio. Na zona máis próxima ao parapeto identificouse un chan orgánico sobre unha pedra plana de granito de gran tamaño.

Na segunda campaña de 2024 definiuse a estrutura de peche perimetral do xacemento, conformada por dous muros de contención exteriores que sostiñan un recheo de xabre de gran calidade de 7 m de anchura. Ademais, no interior do xacemento descubríronse 6 depósitos de recipientes, varias fosas e un menhir de seixo fincado sobre unha gran fosa, e ao norte desta foi definida parcialmente unha estrutura con buracos de poste e unha parede de pallabarro queimada. Tal e como explica a investigadora Pilar Prieto, “en 2025 completamos e escavación desta construción con pallabarro, que parece de gran tamaño, e xusto apareceu unha estrutura de pedra no seu interior vinculada a un novo depósito cerámico e ao seu carón un durminte de muíño de gneis fincado”.

Tamén na campaña do pasado ano se definiu o foxo duns 2 metros de altura, confirmando que ten dobre chanzo. Este foxo estaba enchido polo muro de contención externo e as pedras de seixo que coroaban o parapeto a modo de coiraza e que parecen colapsar conxuntamente contra o foxo. Nesta campaña de 2025 “estamos limpando o muro exterior no lado norte do sitio para poder completar o coñecemento sobre as características deste gran muro pola cara externa, xa que está moi ben conservado nesta zona e xa detectamos o inicio do foxo nesta zona norte”, explica Prieto, quen advirte que “sería de grande interese continuar no futuro escavando este foxo no lado norte”.

Campaña frutífera

Para a investigadora, esta terceira campaña está a ser moi frutífera. “Se nas dúas primeiras foron rexistradas unas 3.000 pezas, nesta xa levamos 1.200 rexistradas e aínda faltan 4 días para rematar (a campaña remata o 18 de xullo)”, afirma. A profesora da USC quere tamén agradecer “aos propietarios da Asociación de Montes de Adai por confiar un ano máis en nós e concedernos o permiso para escavar”.

Como parte do proxecto, en cada campaña realízase unha sesión aberta ao público na que se explican os traballos que se realizan na escavación. Nesta ocasión, a visita guiada pola profesora Pilar Prieto sairá desde o Dolmen de Adai o 17 de xullo ás 17:00 horas. 

Cartel da visita do 17 de xullo
Cartel da visita do 17 de xullo
Depósito dunha ola cunha rodela e un fragmento de muiño, atopado baixo a coiraza de seixo no foxo, campaña de 2024. Foto: Pilar Prieto Martínez
Depósito dunha ola cunha rodela e un fragmento de muiño, atopado baixo a coiraza de seixo no foxo, campaña de 2024. Foto: Pilar Prieto Martínez
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.07.2025.