A USC e o Instituto Enerxético de Galicia asinan un convenio para a prestación de asesoramento sobre acumulación enerxética

O reitor da USC, Antonio López, e a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e máxima responsable do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Paula Uría, asinaron este luns un convenio de colaboración entre a Universidade e a Xunta de Galicia para o asesoramento e apoio na análise, investigación, participación, estudo, identificación de oportunidades, de captación de fondos públicos e proposta actuacións no ámbito da acumulación enerxética.
A colaboración busca garantir que a Administración pública galega, os axentes científico-tecnolóxicos e as empresas da Comunidade poidan dispor de información relevante e actualizada no eido da acumulación de enerxía para así poder afrontar a transición enerxética con garantías de éxito e cun carácter competitivo dentro do ecosistema europeo. Esta estrutura tamén atenderá a necesidade de formación de man de obra especializada en todos os segmentos da cadea de valor.
A Universidade asumirá a promoción do coñecemento no eido a través da participación en foros estatais e internacionais, da organización de encontros científicos e doutros eventos de diseminación dos contidos entre os principais axentes do sector. Asemade, desenvolverá estudos e informes arredor das tecnoloxías de acumulación enerxética, estimulará a formación de actividade de grupos de traballo de interese e a incorporación de axentes relevantes do sector e promoverá a formación de consorcios en tecnoloxías clave para a concorrencia en convocatorias competitivas no campo. Ademais de colaborar co Inega na organización de eventos e xornadas técnicas relacionadas coas actividades desenvolvidas no marco do convenio, favorecerá a impartición de cursos, graos e mestrados universitarios para a formación de persoal.
O profesor Luis Miguel Varela Cabo, catedrático da área de Física da Materia Condensada do Departamento de Física de Partículas da USC, será o encargado de supervisar e xestionar xunto co Inega este labor de asesoramento. Os informes e estudos desenvolvidos, as principais novas do ámbito e as canles para a identificación de propostas de proxecto de interese serán recollidos canda outras información de relevancia nun portal en liña cuxo funcionamento, deseño, estrutura e contidos serán acordados entre ambas entidades.
O convenio promove tamén o estudo da creación dun centro-mixto entre a Xunta de Galicia e a Universidade para a integración de capacidades de investigación, desenvolvemento e innovación neste ámbito.
Ao abeiro desta colaboración a prol dunha actuación integral para mitigar a intermitencia do subministro das enerxías renovables e para a produción de combustibles sintéticos, o Inega comprométese ao financiamento total das actividades e achegará á USC 30.000 euros do seu orzamento de gasto para o ano 2021.